A Deputación pechará o mandato comprometendo 66,8 millóns de euros para a cidade de Vigo

Os orzamentos de 2027 prevén 15,8 millóns para investimentos conveniados co Concello como o parque de xogos de Finca Matías, a piscina de Teis ou a rúa San Roque

28/10/2026

A Deputación pechará o mandato comprometendo 66,8 millóns de euros para a cidade de Vigo

A Deputación de Pontevedra pechará o actual mandato comprometendo 66,8 millóns de euros para Vigo, cunha media de 16,7 millóns anuais. Así o informou este mércores a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, na presentación dos orzamentos para 2027, que prevén destinar 15,8 millóns de euros a investimentos cofinanciados co Concello de Vigo. Entre as actuacións previstas neste marco de colaboracións atópanse o novo parque de xogos de Finca Matías, a reforma da piscina de Teis ou a humanización da rúa San Roque.

Máis alá dos convenios bilaterais coa administración municipal, a relación de investimentos inclúe a recuperación do Teatro Cine Fraga e as melloras de mobilidade e accesibilidade na estrada provincial EP-2001, que atravesa Vigo desde o Calvario ata A Garrida.

Con vistas á candidatura municipal de Vigo como sede do Mundial de fútbol de 2030, a Deputación reservou 250.000 euros para a redacción do proxecto construtivo de ampliación da bancada de Tribuna de Balaídos. Ademais, 2027 será o ano no que está previsto culminar a reforma da bancada de Gol, financiada ao 50% pola Deputación.

Do mesmo xeito, o orzamento de 2027 contempla unha partida inicial de 400.000 euros para a captación de novas rutas no aeroporto de Vigo, ampliable en caso de que sexa necesario.

Subvencións e patrocinios

A Deputación tamén manterá o apoio á actividade deportiva, cultural, económica e social da cidade. Entre as liñas de colaboración figuran as subvencións a preto de 200 clubs deportivos e as bolsas para máis de 150 deportistas de alto nivel e promesas.

A institución provincial apoia eventos como La Solitaire du Figaro, Galicia Fest, o festival Son e Mar, o Vigo Seafest, o Rallye Rías Baixas, o Vigo Tennis Open, Stonegal, a Feira do Marisco, Desafío Boot Camp ou DEKA Vigo, entre outros. Tamén mantén acordos de colaboración coa Universidade de Vigo e coa Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime).

No ámbito cultural, a Deputación subvenciona máis de 400 actuacións ao ano na cidade olívica. As axudas de Acción Comunitaria chegan a máis de 20 entidades veciñais e comunidades de augas de Vigo, mentres que a colaboración social inclúe entidades como Érguete, o Banco de Alimentos, Down Vigo, o Plan Comunitario de Teis, Adicam e Rede de Mulleres contra os Malos Tratos.

A estas achegas súmanse as convocatorias abertas de subvencións en deporte, cultura, política social, asociacionismo e festas populares, nas que Vigo recibe a meirande parte dos recursos provinciais.