Luisa Sánchez reivindica a prevención e a protección das vítimas como claves fronte á violencia contra as mulleres

23/11/2026

Luisa Sánchez reivindica a prevención e a protección das vítimas como claves fronte á violencia contra as mulleres

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou no foro ‘Vigo pola Igualdade: Igualdade fronte á violencia’, organizado este luns pola asociación Vigo pola Igualdade na sede provincial en Vigo. O encontro reuniu diversos especialistas para abordar a violencia machista desde tres perspectivas complementarias: a xurídica, a artística e a comunicativa.

Na súa intervención, Luisa Sánchez incidiu na necesidade de combinar a protección das vítimas coa prevención da violencia machista a través da educación e da sensibilización. Tamén repasou actuacións da Deputación nesta materia, como o apoio a proxectos de asociacións, o Programa +Xuntas, o Proxecto DANA, o servizo de teleasistencia para vítimas ou os Premios ás Boas Prácticas en Igualdade. Ademais, recordou que a Deputación adoita a acoller en Vigo xornadas, charlas e cursos relacionados coa igualdade.