Luisa Sánchez reafirma o apoio da Deputación a Mindtech como escaparate da industria, o metal e a tecnoloxía en Vigo
03/11/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu á presentación da feira Mindtech 2027, celebrada este martes no auditorio do Ifevi, onde puxo en valor o papel deste salón profesional como escaparate do sector do metal e das súas tecnoloxías asociadas no Polo Ibérico. Durante a súa intervención, a representante provincial en Vigo subliñou a importancia da automoción, dos estaleiros, das empresas tecnolóxicas, das auxiliares e das enxeñarías no tecido produtivo da cidade, así como o papel das pequenas e medianas empresas no futuro industrial de Vigo e a súa área de influencia. Do mesmo xeito, reafirmou o apoio da Deputación á feira, que contará cunha axuda provincial de 55.000 euros. Mindtech 2027 celebrarase do 27 ao 29 de abril no Ifevi coa presenza de máis de 200 expositores.



