A Deputación revalida o seu apoio a Mindtech, a feira referente do sector industrial do metal e tecnoloxías asociadas, que arranca o martes en Vigo

Mindtech sitúa á provincia a nivel nacional e internacional como a referencia de negocio industrial e de innovación do Polo Ibérico

18/06/2023

A Deputación vén de revalidar o seu apoio a Mindtech, a feira referente do sector industrial do metal e das tecnoloxías asociadas do Polo Ibérico (España, Portugal e Marrocos), que dende este martes, 20 de xuño, ata o xoves 22 celebrará a súa terceira edición no Ifevi en Vigo coa presenza das principais firmas a nivel nacional e internacional. Cunha achega de 45.000€, a institución provincial reafirma a súa aposta por este evento bianual promovido por Asime (Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia), que sitúa á provincia como punto estratéxico do sector. Amais, a Deputación participará no Foro Tecnolóxicas, o proxecto que a institución promove xunto a Asime, e instalará no Ifevi un punto de información turística para promocionar a provincia entre as persoas visitantes.

A aposta da Deputación, ao abeiro da habitual colaboración co Concello de Vigo, reafirma a necesidade de seguir mantendo sinerxias co sector privado no mundo da producción industrial, a innovación e as novas tecnoloxías. Mindtech tense consolidado como eixo do negocio industrial entre Europa, África e os países atlánticos. Agora volve reunir en Vigo a ese hub de coñecemento, con máis de 200 expositores, 50 persoas relatoras, centos de reunións entre empresas e máis de 10.000 visitantes. Estarán de novo presentes todas as industrias punteiras da automoción, aeronáutica, metalmecánica, estruturas metálicas, enerxías renovables, novas tecnoloxías, subministracións, enxeñería e moito máis.

No marco da feira, o mércores 21 a Deputación participará tamén no foro de debate para poñer en valor o proxecto Tecnolóxicas que promoven a institución provincial e Asime, co obxectivo de reducir a fenda de xénero no sector tecnolóxico-industrial, xerar unha cultura do talento feminino tecnolóxico para enriquecer o tecido industrial e dar visibilidade e información para fomentar o número de mozas que elixen carreiras STEAM. A xornada, que se desenvolverá desde as 16 horas no espazo Mindtech Business Arena da feira, contará coa presenza de importantes referentes femininas entre as ponentes.

A Deputación tamén divulgará a oferta turística da provincia nun expositor de máis de 30m2 no que dúas informadoras darán a coñecer os recursos da provincia ás persoas asistentes, tendo en conta a forte presenza internacional neste evento. Repartirase diverso material promocional de Turismo Rías Baixas e o punto estará decorado con imaxes en vinilo da campaña turística provincial deste ano, “Orixe”. Neles amósanse fotografías da Rapa das Bestas de Sabucedo, o pan de millo corvo de Bueu, a tradición ancestral da danza e contradanza de Darbo (Cangas) e das tecedeiras de Lalín, todas ligadas ao patrimonio inmaterial da provincia de Pontevedra.

videos