Luisa Sánchez destaca o apoio da Deputación á Bienal de Cartelismo, que volve converter Vigo nun escaparate de creatividade
07/05/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este xoves na presentación dunha nova edición da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda, un certame que “esperta a curiosidade” de milleiros de persoas que visitan a Estación Marítima de Vigo para descubrir os carteis participantes. A representante provincial reivindicou o valor do cartelismo como unha disciplina artística capaz de “contar unha historia sen necesidade dunha soa palabra”.
A vicepresidenta subliñou ademais o compromiso da Deputación de Pontevedra, que vén de reforzar o seu apoio a unha cita cultural que volverá converter Vigo nun escaparate de creatividade. Neste sentido, salientou que o evento convida aos asistentes “a deterse, mirar dúas veces e descubrir detalles”, algo que cualificou como “un agasallo” no ritmo de vida actual. A exposición dos carteis permanecerá aberta entre o 8 de maio e o 3 de xuño de luns a domingo en horario de 11.00 a 14.00 e 18.00 a 21.00 horas.
