Luisa Sánchez celebra a participación récord de Navalia 2026, que reforza o programa técnico da Aula Deputación
06/05/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, asistiu este mércores á reunión do Comité Executivo de Navalia 2026, que contou como convidada coa conselleira delegada de Pymar, Almudena López del Pozo. Durante o encontro abordáronse as liñas estratéxicas da décima edición do salón, que se celebrará entre o 19 e 21 de maio. A feira deste ano alcanzará cifras récord con máis de 600 expositores e rexistrará un aumento significativo da presenza internacional.
Luisa Sánchez destacou o reforzo do programa técnico de Navalia, que conta co apoio directo da institución provincial. Esta colaboración naceu o ano pasado co obxectivo de desenvolver un ambicioso programa de xornadas profesionais ao abeiro da Aula Deputación de Pontevedra. En 2026 refórzase esta aposta cun amplo programa que incluirá conferencias, mesas redondas e presentacións con expertos para abordar desafíos como a transición enerxética ou a dixitalización mediante intelixencia artificial.
