Luisa Sánchez pon en valor o movemento cultural e a dimensión local do Galician Freaky Film Festival na presentación da súa décima edición
30/07/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, puxo en valor este xoves as dez edicións do Galician Freaky Film Festival na presentación do evento, que se celebrará en Vigo no mes de setembro como parte do circuíto provincial de festivais Rías Baixas Film Fest. “As 10 edicións deste festival non son ningunha broma”, sinalou a vicepresidenta, que asegurou que “alguén a estas alturas aínda pode ter a tentación de pensar que detrás dos códigos do mundo freak non hai seriedade, e non deben levarse a engano” xa que “estamos a falar dun movemento cultural e social cunha forte identidade, cunha linguaxe propia chega de subtextos e dunha comunidade aberta, que viven con paixón e normalidade ser diferentes”.
Luisa Sánchez deu os parabéns á organización polo seu traballo “profesional e coidado” e pola “dimensión local que sempre está presente: identificamos este festival con Vigo e Vigo identifícase convosco”. A vicepresidenta provincial asegurou que “o maior orgullo é acompañarvos cada ano e ver como o festival medra, podendo desde a Deputación apoiarvos máis en cada edición”, e puxo en valor a “capa de internacionalización” que acadou o festival coa entrega do premio Méliès de Prata á mellor curtametraxe fantástica europea.
