A sede viguesa da Deputación de Pontevedra acolle a pesaxe previa ao Memorial Paco Amoedo

O pavillón Pablo Beiro acollerá este sábado nove combates nos que se medirán púxiles consolidados e novos valores do deporte galego

20/02/2026

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu este venres a pesaxe previa á velada de boxeo que se celebrará este sábado, 21 de febreiro, no pavillón Pablo Beiro de Bouzas. As instalacións provinciais situadas no casco vello vigués recibiron aos 18 púxiles que competirán no Memorial Paco Amoedo, evento organizado polo Club Deportivo Saudade para render tributo á figura dun dos grandes referentes do boxeo galego.

A pesaxe permitiu confirmar as categorías dos participantes e ofrecer unha primeira imaxe dos protagonistas fronte a fronte. A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, destacou a importancia de acoller este acto, subliñando ademais que “a homenaxe a Paco Amoedo representa un merecido recoñecemento a unha traxectoria exemplar e ao papel que desempeñou no desenvolvemento do boxeo de Vigo e do conxunto da provincia”.

Esta pesaxe oficial reforza o carácter simbólico dun evento que pretende manter vivo o legado deportivo e humano de Paco Amoedo, persoa clave na formación de numerosos boxeadores e na promoción de veladas en Vigo. Neste sentido, Luisa Sánchez asegurou que a figura do fundador do Saudade “trascende o deporte”, como así amosa “a pegada profunda que deixou nas persoas que pasaron polo seu ximnasio”.

O Memorial Paco Amoedo contará con nove combates, nos que se medirán púxiles consolidados e novos valores do boxeo provincial. Entre os participantes destacan nomes como Álex Rodríguez, Branyel Suárez ou o bicampion europeo de kickboxing Pablo Izard, así como representantes de distintas xeracións que subirán ao ring nunha xornada que combinará memoria, presente e futuro do boxeo galego.

Galerias de imagenes