A Deputación publica a lista dos máis de 1.500 nenos que participarán este verán nos Campamentos A Lanzada

O deputado de Xuventude, Jorge Cubela, asistiu ao sorteo público no que se asignaron as prazas distribuídas en once quendas que terán lugar entre xuño e setembro

21/05/2026

A Deputación publica a lista dos máis de 1.500 nenos que participarán este verán nos Campamentos A Lanzada

A Deputación de Pontevedra acaba de publicar no seu sitio web a relación de nenas e nenos que participarán nos Campamentos A Lanzada ao longo do verán de 2026. A publicación ten lugar despois de que esta mañá se celebrase no Pazo provincial o sorteo das prazas entre os 3.941 menores que foron finalmente admitidos, e que foi supervisado polo deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela. O programa conta este ano cunha dotación de 450.000 euros e oferta un total de 1.540 prazas.

Ademais da lista de menores participantes, tamén está dispoñible no portal institucional unha lista de agarda de 100 nenos e nenas para cada unha das 11 quendas dos Campamentos A Lanzada. Para as prazas adxudicadas, as nais, pais ou titores legais recibirán un SMS coas claves para acceder e descargar os documentos de pago. No caso de que non o efectúen perderán o dereito á praza e pasará a ser ocupada por unha nena ou neno da lista de agarda, seguindo a súa orde pero respectando a paridade. No procedemento xeral (1.330 prazas) teñen que aboarse 110 € por praza, 80 € no caso de familias numerosas ou monoparentais. As 210 restantes están reservadas a menores en situación ou risco de exclusión, e son financiadas integramente pola Deputación.

Este ano os Campamentos A Lanzada celebraranse entre o 21 de xuño e o 5 de setembro e distribuiranse en once quendas, de sete días cada unha (de domingo a sábado). Participarán mozas e mozos empadroados nos concellos da provincia e nados entre os anos 2013 e 2018 (incluídos). Cada quenda estará composta por 140 nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas.

Durante a súa participación nos campamentos as nenas e nenos desfrutarán dun programa de actividades socioculturais, recreativas, formativas, ambientais, científicas e de convivencia, así como de aloxamento en tendas de campaña en réxime de pensión completa e saídas educativas e de lecer. Todas as actividades serán dirixidas por un equipo técnico especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre, náuticas, científicas e lingua inglesa.