A Deputación ten aberto o prazo para solicitar as axudas para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia
Están dotadas con 90.000 euros e buscan que colectivos sen fins de lucro emprendan actuacións de restauración, rehabilitación e mantemento de embarcacións, ademais da compra de equipamento
08/03/2026
A Deputación de Pontevedra publicou no Boletín Oficial da Provincia as bases das axudas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para a recuperación e a posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial da provincia. A institución provincial mobiliza 90.000 euros para que colectivos sen fins de lucro emprendan actuacións de restauración, rehabilitación e mantemento de embarcacións, ademais da compra de equipamento. O prazo para solicitalas manterase aberto ata o 6 de abril.
As axudas contan con tres liñas de actuación. A primeira para traballos de rehabilitación de embarcacións tradicionais, na que os gastos comprenderán desde o tratamento da embarcación, ata a recuperación de determinadas partes deterioradas, reparacións, montaxe de electricidade ou carenado e pintado, entre outros. A segunda liña vai destinada a aparellos de pesca e elementos vinculados coa cultura marítimo-fluvial, na que se incluirán as distintas artes de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordoería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural.
Pola súa banda, a terceira das liñas está enfocada a construcións e instalacións en terra, como almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras, ou mostras da arquitectura industrial e popular marítimo-fluvial na provincia, para ser reconvertidas en espazos culturais. Nos tres casos concederanse como máximo 10.000 euros para cada actuación ou ata o 80% do orzamento.