A Deputación suma o cuarto galardón para a campaña A túa meta, o teu destino co premio á mellor posprodución na categoría de produto turístico no Terres Travel Festival

A institución provincial foi seleccionada para o Festival de Cannes, ata onde se desprazará este xoves para coñecer se acada finalmente un novo galardón para a campaña de promoción turística da provincia deste ano

21/09/2026

A Deputación de Pontevedra suma un novo galardón para a campaña A túa meta, o teu destino, tras acadar o premio á mellor posprodución na categoría de produto turístico no Terres Travel Festival, celebrado en Tortosa. O vídeo de campaña de promoción da provincia de Pontevedra foi recoñecido pola súa calidade e innovación na promoción audiovisual do destino, valorando o ritmo do vídeo, a montaxe e a edición na construción do relato.

O galardón no Terres Travel Festival trátase do cuarto premio conseguido polo audiovisual A túa meta, o teu destino neste 2026, que tamén foi seleccionado para o Festival de Cannes, ata onde se desprazará este xoves 24 de setembro para coñecer se suma o quinto galardón. O primeiro premio conseguido pola campaña de promoción turística da provincia deste ano foi no Japan World´s Tourism Film Festival, onde competiu con 1.300 candidaturas de 110 países, o segundo no New York Festival TV & Film Awards, onde foi seleccionado por un xurado integrado por máis de 200 produtores, directores e profesionais creativos dos medios de comunicación de todo o mundo, e o terceiro no International Tourism Film Festival Africa, celebrado en Johannesburgo, onde competiu con 438 candidaturas de 47 países diferentes.

A Deputación de Pontevedra reafirma coa campaña A túa meta, o teu destino o seu compromiso coa promoción dun modelo turístico innovador, sostible e de calidade, no que o deporte actúa como motor de desenvolvemento económico, social e territorial. A campaña busca consolidar as Rías Baixas como un destino de referencia para o turismo activo, poñendo en valor os recursos naturais da provincia, apoiando o tecido deportivo e turístico local e impulsando un estilo de vida saudable que conecta territorio, persoas e experiencias.

Galerias de imagenes