A Deputación comeza o próximo venres en Cangas de Morrazo a nova edición do programa +Convivir, que chegará a máis de 30 concellos entre 2026 e 2027

Javier Tourís sinalou que a xornada terá lugar a partir das 16:30 horas no adro da Igrexa de Santa María de Darbo, incluirá actividades formativas e lúdicas e está previsto que asistan o presidente Luis López e o vicepresidente Rafa Domínguez

12/09/2026

A Deputación comeza o próximo venres en Cangas de Morrazo a nova edición do programa +Convivir, que chegará a máis de 30 concellos entre 2026 e 2027

O deputado provincial Javier Tourís presentou este sábado en Cangas de Morrazo a que será a primeira xornada de convivencia do programa +Convivir do período 2026/2027. A cita terá lugar o próximo venres 18 de setembro, a partir das 16:30 horas, no adro da igrexa de Santa María de Darbo, ata onde se desprazarán centos de persoas procedentes do movemento asociativo e veciñal da vila para “agradecerlles todo o que están a facer a favor da cidadanía”, sinalou Javier Tourís. Á xornada tamén está previsto que asistan o presidente da Deputación, Luis López, e o vicepresidente Rafa Domínguez.

O deputado provincial sinalou que +Convivir é “unha oportunidade para seguir fomentando unha vida en comunidade, con estas xornadas de convivencia na que nos xuntamos, tecemos lazos e creamos espazos de encontro onde podemos presumir do avance imparable desta provincia extraordinaria na que vivimos, Pontevedra”. En Cangas de Morrazo a xornada incluirá un obradoiro de primeiros auxilios da man de Manuel Viso, un obradoiro de risoterapia a cargo de Mónica Novas, unha actividade de ximnasia de mantemento a cargo de Toni Garrido e rematará cunha merenda dinamizada con DJ.

Javier Tourís asegurou que “con esta cita en Cangas de Morrazo poñemos a funcionar a nova temporada de +Convivir, a terceira xa, e facémolo para seguir fortalecendo as relacións entre a Deputación de Pontevedra e o movemento asociativo e veciñal da provincia”. Neste eido, recordou que o programa, que chegará a arredor dunha trintena de concellos entre este ano e o próximo, concentrou a máis de 10.000 persoas nas dúas anteriores edicións.

O deputado, que liderada a área de Acción Comunitaria, asegurou que “ao igual que a nosa extensísima oferta cultural e de lecer, +Convivir tamén amosa a pegada que deixa a Deputación no territorio para dinamizar a vida das nosas vilas e parroquias”, núcleos “en boa parte sostidos pola implicación das asociacións, que están a recibir recursos como nunca nas nosas convocatorias de axudas”. Neste eido, recordou as 900 solicitudes na convocatoria deste ano de Provincia Comunitaria, +Aqua e +Novaqua: “equivalen a todas as axudas que concedemos nas anteriores convocatorias”. Ante estas solicitudes, o goberno provincial incrementou en 1,7 millóns o seu orzamento soamente este ano, “pero non respecto ao ano pasado, senón respecto ao que tiñamos previsto inicialmente nas bases das convocatorias”.