A Deputación lanza a campaña O machismo vese claro cando enfocas. E ti, velo? con motivo do 25-N, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

Luis López: “Queremos poñer unhas lentes con perspectiva feminista e ter unha mirada axeitada sobre a violencia de xénero, unha das violacións dos dereitos humanos máis persistente e que precisa do traballo transversal por parte de todas as administracións”

07/11/2025

Presentación da campaña do 25N do 2025

A Deputación acaba de  presentar a campaña O machismo vese claro cando enfocas. E ti, velo? con motivo do 25-N, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. “Queremos –asegurou o presidente provincial Luis López- poñer unhas lentes con perspectiva feminista e ter unha mirada axeitada sobre a violencia de xénero, unha das violacións dos dereitos humanos máis persistente e que precisa do traballo transversal por parte de todas as administracións”. Ao respecto, subliñou que “neste goberno traballamos os 365 días do ano desde a unidade, coa complicidade de todos e coa mirada posta en tender pontes cara a igualdade e conseguir unha vida libre de violencias machistas”.

Presentación da campaña O machismo vese claro cando enfocas. E ti, velo? no Pazo provincial

Para o presidente Luis López estas reivindicacións “non poden quedar nun día. O 25-N teñen que ser os 365 días do ano”. Deste xeito, o organismo provincial deseñou unha ampla programación que comezou este mesmo venres cun acto na escalinata exterior do Pazo provincial no que participaron os integrantes do Goberno provincial para presentar o panel coa imaxe da campaña O machismo vese cando enfocas. E ti, velo?, que ata finais de mes estará instalado na sede principal do organismo en Pontevedra e tamén nunha lona na fachada da sede da Deputación en Vigo.

 Actividades ao longo do mes de novembro

Tamén neste mesmo mes de novembro terán lugar actividades para espallar a igualdade e concienciar para eliminar as violencias machistas en centros escolares de Vilagarcía de Arousa, Vigo, A Illa de Arousa e Poio, onde se celebrarán sesións enmarcadas no concurso escolar E ti, que pensas da igualdade?; presentarase un mural realizado pola artista Alba Troiteiro no Centro Penitenciario da Lama; continuará o programa Aquí Faltan Páxinas visibilizando a historia de Juaniña, Juana de la Cruz Domínguez, no Porriño, e das Nais contra a Droga en Vigo;  entregaranse os II Premios ás Boas Prácticas en Igualdade o 13 de novembro no Pazo provincial; organizarase un obradoiro para coñecer as achegas das mulleres á sustentabilidade do mar no CEIP de Atín-Cela, en Mos; e terá lugar unha actividade da Cátedra de Feminismos o 20 de novembro na sede da Deputación en Vigo. 

Ademais, iluminarase de morado as sedes institucionais de Pontevedra e Vigo entre o 24 e o 26 de novembro e o propio 25-N, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, terá lugar un acto institucional no que se lerá un manifesto e presentará o anuncio da campaña deseñada pola Deputación para este ano.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.