Luis López presenta o informe de Cultura do Observatorio de Competitividade-Provincia Extraordinaria e remarca o impacto económico de máis de 23M€ dos Rías Baixas Fest

O presidente detalla que a cultura xerou máis de 1.200 postos de traballo, conta con máis de 500 empresas vinculadas e tivo uns ingresos de explotación de 146M€

 

19/09/2025

Luis López na presentación do informe de Cultura do Observatroio de competitividade

Luis López acaba de presentar o informe de Cultura do Observatorio de Competitividade-Provincia Extraordinaria onde se remarca o impacto económico dos Rías Baixas Fest, que ascende a máis de 23M€. No informe, que sigue a estela dos xa presentados sobre medio rural e turismo ao abeiro do observatorio provincial, sitúase á cultura como “un dos grandes motores económicos da provincia”, con máis de 1.200 postos de traballo, 500 empresas vinculadas e uns ingresos de explotación de 146 M€.

“Levamos dous anos promovendo a dinamización cultural como nunca antes se fixera”, subliñou o presidente Luis López quen recordou o investimento de 8M€ neste período e a aposta por achegar as diferentes manifestacións culturais a todos os concellos e por disciplinas, como as artes escénicas, “abandonadas polo anterior goberno”. Neste eido, recordou a vontade de “converter á Deputación no gran motor da cultura da provincia” e de apostar “por ela, sempre da man do propio sector, atendendo as súas demandas”. 

O informe de Cultura do Observatorio de Competitividade – Provincia Extraordinaria, pon en valor que este sector é un ecosistema diverso, activo e moi enraizado no territorio, que combina tradición, creatividade, identidade e dinamismo. Ao respecto, o presidente remarcou a importancia das festas que poñen en valor as tradicións populares, o propio Museo de Pontevedra, que recibiu o pasado ano máis de 145.000 visitas, ou os Rías Baixas Fest, que tiveron un impacto económico de máis de 23 M€.

O papel da Deputación

Dentro do panorama cultural da provincia, tal e como recolle o informe, a Deputación xoga un papel fundamental. Así, destaca a promoción dunha ampla rede de proxectos culturais para fortalecer o tecido creativo, para descentralizar a oferta cultural e fomentar a profesionalización do sector como +Escénicas ou a aposta polo audiovisual da provincia, tanto co apoio a festivais como ás rodaxes na provincia.  Ademais, remarca o impulso da Deputación a unha cultura con raíz e con perspectiva, para preservar a memoria, recoñecer as mulleres e impulsar a literatura, con programas como as cantareiras, o documental Mozas da miña aldea, os encontros Pontevedra literaria ou a creación do Premio Castelao a textos teatrais, entre outros. E subliña a aposta pola dixitalización, innovación, incorporación da tecnoloxía da realidade virtual ou a impresión 3D para poñer en valor o patrimonio, con proxectos como a dixitalización do Museo de Pontevedra, con máis de 25.000 pezas e visitas virtuais inmersivas, ou as experiencias dixitais nos castelos de Soutomaior e Sobroso.

Retos e oportunidades da cultura na provincia

Os retos aos que se enfronta a cultura na provincia, segundo o informe do Observatorio de Competitividade da Deputación son a descentralización cultural e o enfoque municipalista, a dixitalización do patrimonio e dos espazos culturais, a sustentabilidade, a conexión con novos públicos e o impulso do turismo cultural. Neste eido, tamén recolle que a Deputación ten impulsado programas específicos para facerlles fronte como +Escénicas ou +Música, que levan a programación a todo o territorio e dotan de capacidade de decisión aos concellos; as visitas virtuais e aplicacións interactivas que enriquecen a experiencia e facilitan o acceso a este patrimonio; as convocatorias dirixidas a artistas para que poidan seguir creando e profesionalizarse; propostas innovadoras e participativas como a Bienal de Arte ou actividades deseñadas xunto cos concellos para consolidar a provincia como destino cultural.

En canto as oportunidades, o informe sinala a necesidade de impulsar unha rede cultural territorial entre os concellos para que exista unha programación continua e descentralizada e aproveitar as tecnoloxías emerxentes para modernizar o patrimonio e atraer novos públicos; fomentar o emprego e a profesionalización, reforzando o apoio ao talento local e promovendo a estabilidade no sector; a conexión coas novas xeracións, deseñando formatos creativos e participativos adaptados aos seus intereses; e a activación do turismo cultural sostible, posicionando a cultura como motor económico e promocionando a identidade da provincia.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.