A Deputación dá comezo aos primeiros obradoiros do programa Provincia activa, co que busca impulsar o envellecemento activo

Este martes 22 de abril inician os talleres preto de 60 persoas maiores de tres asociacións do Grove, Lalín e Vigo

21/04/2025

A Deputación de Pontevedra inicia este martes, 22 de abril, os obradoiros do programa Provincia activa deste 2025, co que a institución impulsa o envellecemento activo das persoas maiores da provincia, fomenta a participación e crea espazos de encontro e intercambio de experiencias. Ata 57 persoas maiores de tres asociacións do Grove, Lalín e Vigo serán as primeiras que poderán desfrutar das actividades formativas do programa a partir desta semana.

Desta maneira, este martes 22 de abril 20 persoas da Confraría de Pescadores san Martín do Grove comezarán o curso de ximnasia de mantemento para persoas maiores, e 22 maiores da Asociación para a Protección dos Anciáns de Lalín e Comarca, de Lalín, farán o propio co de risoterapia. Esta semana, concretamente o mércores 23, tamén será a quenda de 15 persoas da Asociación de Xubilados e Pensionistas Vila Galicia, de Vigo, que darán comezo ao curso de ximnasia de mantemento para persoas maiores.

En total, a Deputación ofertou neste 2025 14 obradoiros no catálogo de “Provincia Activa” divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (Plantas medicinais), “Saúde en movemento”  (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), “Emociónate” (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), “Outra vida” (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), “Con ritmo!” (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e “Reder@s” (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). “Provincia Activa” conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.