A Deputación inicia esta semana 21 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo
Preto de 400 veciños de 15 concellos da provincia comezarán esta semana accións formativas centradas en informática avanzada, ximnasia de mantemento, habilidades dixitais, ioga, plantas medicinais, restauración de mobles e tapicería, bailes de salón, pandeireta e canto popular, e pilates
29/09/2025
A Deputación de Pontevedra continúa coa programación dos obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana comezarán 21 novas accións en outras tantas entidades sociais que mobilizarán preto de 400 veciños de 15 concellos da provincia: Arbo, Catoira, Meaño, Mondariz, Moraña, As Neves, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Soutomaior, Tui e Vilagarcía de Arousa.
Os obradoiros dan comezo este luns 29 de setembro cunha actividade de informática avanzada para a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Salceda de Caselas e outra de ximnasia de mantemento para a Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras O Corazón do Salnés (Meaño). O martes 30 de setembro a Casa Cultural Artística e Deportiva de Areas (Ponteareas) e a Asociación de Veciños San Antonio de Arbo inician dous formacións en habilidades dixitais para uso cotiá. Pola súa banda, o mércores 1 de outubro arrancan dous cursos de ximnasia de mantemento para a Asociación de Mulleres Rurais e Consumidoras A Telleira de Dena (Meaño) e para a Asociación de Consumidores Muíños de Vento (Catoira), un de plantas medicinais para a Asociación de Veciños Desenvolvemento Rural de Alberguería (Moraña), e un de ioga para a Asociación Cultural Xeada e outro de restauración de mobles e tapicería para a Asociación de Veciño Agustín Romero, en Vilagarcía de Arousa.
O xoves 2 de outubro as formacións continúan con seis obradoiros, entre eles, dous de plantas medicinais para a Asociación de Veciños San Cibrán de Ribarteme (As Neves) e para a Asociación de Veciños Xabriña (Mondariz); un de habilidades dixitais para a Asociación Veciñal e Deportiva Cultural Miñoteira (Redondela); un de pilates para a Asociación de Mulleres Rurais Os Borrizos de Cornazo (Vilagarcía de Arousa); un de restauración de mobles e tapicería para a Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Arcade (Soutomaior) e un de informática avanzada para o Centro Social Cultural e Recreativo de Cedeira (Redondela).
Ademais, o venres 3 comeza unha actividade de restauración de mobles e tapicería na Sociedade Cultural do Viso (Redondela), unha de informática avanzada no Centro Recreativo e Cultural O Torreiro (Nigrán), unha de bailes de salón na Asociación da Terceira Idade Nevox (Vigo), unha de plantas medicinais no Club de Pensionistas de Sanxenxo e unha de pandeireta e canto popular no Centro Social de Tui. Finalmente, a axenda da semana péchase o sábado 4 na Sociedade Cultural Deportiva San Martín de Verducido (Pontevedra), onde comezará unha formación en restauración de mobles e tapicería.
A Deputación ofertou neste 2025 14 obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques temáticos: "Benestar natural" (Plantas medicinais), "Saúde en movemento" (Pilates, ioga e ximnasia de mantemento para persoas maiores), "Emociónate" (Conservando a memoria, Musicoterapia, Risoterapia e Terapia emocional: Positividade e canalización das emocións), "Outra vida" (Teatro e Restauración de mobles e tapicería), "Con ritmo!" (Bailes de salón e Pandeireta e canto popular) e "Reder@s" (Habilidades dixitais para uso cotián e Informática. Nivel Avanzado). Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e ao longo do ano desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.