A Deputación visita en Nigrán o Centro Juan María e enxalza a utilidade das axudas do programa Provincia +Inclusiva, que este ano achega 210.000 euros para o fomento da accesibilidade

A deputada provincial Paula Bouzós visitou o Centro Juan María que recibiu xa 10.000 euros no marco destas axudas para construír unha nova rampla de acceso ás instalacións

09/06/2026

A Deputación visita en Nigrán o Centro Juan María e enxalza a utilidade das axudas do programa Provincia +Inclusiva, que este ano achega 210.000 euros para o fomento da accesibilidade

A deputada provincial Paula Bouzós acaba de visitar o Centro Juan María, en Nigrán, onde puxo en valor a utilidade das axudas do programa Provincia +Inclusiva, que neste 2026 vai repartir 210.000 euros entre entidades para fomentar a accesibilidade universal. Esta liña de axudas do organismo provincial está dirixida a entidades sen ánimo de lucro para a mellora da accesibilidade desde unha perspectiva integral e a promoción da participación activa de todas as persoas en condicións de igualdade e autonomía.

A deputada provincial aproveitou a visita para facerlles entrega da placa que distingue ao centro de educación especial como beneficiario da última edición de Provincia +Inclusiva. No marco desta liña de axudas, a entidade recibiu 10.000 euros para demoler a antiga rampla de acceso ao centro e reconstruíla coa inclinación axeitada, superficie antiescorregadiza e varandas dobres, así como a renovación do pavimento circundante, eliminando irregularidades no terreo co obxectivo de garantir un acceso seguro, autónomo e non discriminatorio ao edificio para máis de 172 persoas usuarias e profesionais do centro.

Os recursos da liña de axudas Provincia +Inclusiva, que medraron case un 17% con respecto ao 2024, están dirixidos ás entidades sen fins de lucro da provincia que poderán recibir ata un máximo de 10.000 euros para subvencionar desde obras de mellora da accesibilidade nas súas instalacións, ata os de redacción de proxectos técnicos para executar estas obras, ou de adquisición de sistemas de comunicación ou outros relacionados coa mobilidade e o coidado persoal.