A Deputación impulsa o destino Condado-Paradanta cun plan turístico financiado con fondos europeos
As actuacións do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Condado-Paradanta, unha terra entre ríos, financiada con fondos NextGenerationEU, combinan recuperación ambiental, posta en valor do patrimonio e dinamización económica en concellos como Ponteareas, Mondariz, Salvaterra do Miño, Covelo, Arbo ou Crecente
30/06/2026
A Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, continúa avanzando na execución do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Condado-Paradanta, unha terra entre ríos, unha estratexia de desenvolvemento turístico sostible financiada con cargo aos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. O plan, articulado mediante convenio coa Axencia Turismo de Galicia asinado o 11 de novembro de 2022, ordénase arredor de catro eixos: transición verde, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade do destino.
Entre as actuacións destacadas subliña a recuperación das piscinas fluviais de Barcia de Mera, en Covelo, onde se acometeu, no eixo de transición verde, a mellora da contorna e o acondicionamento das piscinas fluviais de Barcia de Mera, no concello de Covelo. A intervención ten por obxecto protexer o patrimonio natural, devolver á súa superficie o estado orixinal e poñer en valor a área de merendeiro e as zonas verdes, evitando a súa deterioración e garantindo un estado de conservación óptimo deste recurso de baño natural. Estas obras reforzan a oferta de turismo de natureza e a desestacionalización da demanda na comarca.
Dentro do eixo de competitividade, o plan tamén puxo en valor a Festa do Corpus Christi de Ponteareas, recoñecida polas súas célebres alfombras florais, con actuacións como a creación da casita do Corpus e o primeiro museo ao aire libre sobre a festividade. Ademais, a gastronomía vertebra outra das actuacións estrela do plan: a creación e posta en marcha dun Club de produto da lamprea, un dos manxares máis identitarios do río Miño e do Condado. A través desta rede de colaboración público-privada, a Deputación busca integrar nun mesmo sistema de garantía compartida aos axentes da cadea de valor —restauración, produtores, hostalaría e sector turístico—, impulsando a promoción conxunta, a innovación en produtos e experiencias, e a certificación de atributos de calidade.
Xunto ás anteriores, o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Condado-Paradanta, unha terra entre ríos integra un amplo conxunto de actuacións complementarias que se atopan en distintas fases de execución, entre as que destacan a restauración da senda fluvial do río Tea, no treito da área recreativa de Moscadeira, como eixe de mobilidade sostible que conecta Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas e Salvaterra do Miño; os traballos de renaturalización nas ribeiras dos ríos, incluíndo a mellora da integración paisaxística dos lavadoiros tradicionais de A Bouza, Fontán, Mourelle e Lubián; as actuacións de mellora da mobilidade peonil e da accesibilidade en Ponteareas, Arbo e Crecente, con prioridade para o tráfico peonil e a renovación do alumeado con tecnoloxía LED; o Plan director do entorno do Castelo de Sobroso e a reforestación da súa finca, así como a iluminación eficiente do patrimonio; o plan de marketing e creación de marca do destino, e o congreso fam-trip «Latente Condado-Paradanta», orientado a posicionar a comarca como destino turístico e gastronómico; e a configuración de novos produtos turísticos sostibles e o apoio ao ente xestor para a coordinación, seguimento e avaliación do plan.
Co conxunto destas actuacións, a Deputación de Pontevedra consolida o Condado-Paradanta como un destino turístico sostible, capaz de activar os seus recursos naturais, culturais e gastronómicos, mellorar a experiencia das persoas visitantes e xerar oportunidades económicas para o territorio. O plan reafirma o compromiso da institución provincial cun modelo turístico responsable, aliñado coa transición verde e dixital e cos obxectivos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea.
