A Deputación culmina o Plan de Sustentabilidade Turística de Deza e Tabeirós-Terra de Montes con investimentos en patrimonio, innovación e mobilidade sostible

A través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Deza Tabeirós-Terra de Montes. Os camiños por dentro, financiado con fondos NextGenerationEU, a institución provincial mellorou os Camiños de Santiago, recuperou espazos patrimoniais e naturais, impulsou ferramentas de dixitalización e novos produtos turísticos e reforzou a competitividade do sector

30/06/2026

A Deputación de Pontevedra, a través de Turismo Rías Baixas, culmina o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Deza Tabeirós-Terra de Montes. Os camiños por dentro, financiado con fondos NextGenerationEU, que permitiu investir na mellora dos Camiños de Santiago, na recuperación de espazos patrimoniais e naturais, no impulso de ferramentas de dixitalización e novos produtos turísticos e no reforzo da competitividade do sector.

Entre as actuacións impulsadas ao abeiro deste Plan de Sustentabilidade Turística destaca a Casa de Don Álvaro, un espazo permanente de recepción, acollida e interpretación turística xa operativo nas comarcas. Trátase dunha infraestrutura que reforza a porta de entrada ao destino, ofrece información sobre a oferta patrimonial, natural e cultural das comarcas e constitúe un punto de referencia para as persoas peregrinas que percorren os distintos itinerarios xacobeos que atravesan o territorio.

No ámbito da dixitalización, a Deputación puxo en marcha a plataforma turística intelixente SmartGuide, que reúne nun único espazo toda a información turística de Deza e Tabeirós-Terra de Montes: recursos patrimoniais, naturais e culturais, servizos turísticos e equipamentos de interese. A ferramenta incorpora contidos personalizados e experiencias inmersivas centradas nos cinco Camiños de Santiago presentes no territorio – a Via da Prata, o Camiño de Inverno, o Camiño da Geira e dos Arrieiros, o Camiño do Taverneiro e o Camiño Miñoto Ribeiro-, facilitando unha experiencia máis accesible, completa e personalizada para as persoas visitantes.

Outra das actuacións impulsadas no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino foi a contratación das obras de mellora da accesibilidade da Vía da Prata, no tramo da estrada provincial EP-6511 ao seu paso polo núcleo da Bandeira, no Concello de Silleda. Unha actuación que permitirá humanizar un dos treitos con maior tránsito de peregrinos, onde actualmente peóns e vehículos comparten a calzada. As obras mellorarán a seguridade viaria, favorecerán a mobilidade peonil e contribuirán á integración paisaxística da contorna, ao tempo que fomentarán unha mobilidade máis sostible.

Ademais, Os camiños por dentro tamén permitiu recuperar a contorna da Rapa das Bestas mediante a mellora do sistema de drenaxe, a reparación dos pavimentos e do mobiliario, a instalación dun novo peche e o acondicionamento da vexetación existente. Unha actuación que se completou con traballos de saneamento das árbores, limpeza de mampostería e a renovación dos accesos, reforzando tanto a conservación da contorna como mellorando a experiencia das persoas usuarias.

Co obxectivo de promover formas de desprazamento máis sostibles e activas, o Plan de Sostibilidade Turística en Destino dotará as comarcas de estacións de reparación de bicicletas situadas en puntos estratéxicos do territorio. Trátanse de equipamentos que facilitarán os desprazamentos en bicicleta entre os principais recursos turísticos e equipamentos públicos, mellorando os servizos dispoñibles tanto para visitantes como para a poboación local e reforzando a aposta por unha mobilidade respectuosa co medio ambiente.

O plan incluíu un programa de formación especializada dirixido aos profesionais de turismo das dúas comarcas. A través de módulos en liña e sesións presenciais, abordáronse cuestións relacionadas coa innovación, a dixitalización, a sostibilidade e a atención ao visitante, co obxectivo de reforzar a profesionalización do sector e mellroar a competitividade da oferta turística.

No ámbito da creación de produto, a Deputación impulsou o deseño e estruturación da Ruta da Sidra, un itinerario turístico-gastronómico que transforma a tradición sidreira de Deza-Tabeirós nun recurso turístico con potencial para xerar actividade económica e atraer novos visitantes. O proxecto incluíu a definición dos itinerarios, a coordinación dos distintos axentes implicados e o establecemento das bases para a súa futura comercialización. A esta iniciativa sumouse o desenvolvemento dun produto de Turismo de Estrelas (Astroturismo), pensado para posicionar o interior da provincia de Pontevedra como un destino especializado na observación do ceo nocturno e na divulgación astronómica. Trátase dunha proposta que contribúe á desestacionalizacióni da demanda e á valorización dos recursos naturais do territorio.

Como acción de peche do Plan organizouse unha viaxe de familiarización (fam trip) dirixida a operadores e prescritores turísticos, que puideron coñecer de primeira man os principais recursos patrimoniais, naturais e gastronómicos das comarcas. A iniciativa favoreceu o establecemento de contactos profesionais e abriu novas oportunidades para a promoción e comercialización do destino nos mercados turísticos.

No marco do Plan executáronse tamén diversas actuacións no Concello de Forcarei destinadas á recuperación e valorización do patrimonio natural, cultural e xacobeo como a sinalización e acondicionamento do Camiño Miñoto Ribeiro e do Camiño da Geira e dos Arrieiros; a posta en valor das Neveiras de Fixó, a sinalización, acondicionamento e acceso da Fervenza da Graña, a mellora da Ruta das Pontes do Lérez; o desenvolvemento dun xemelgo dixital no Mosteiro de Aciveiro; a renovación de contados interpretativos, carteis e modernización tecnolóxica no Museo Etnográfico de Soutelo de Montes.

O Plan de Sostibilidade Turística en Destino para Deza e Tabeirós-Terra de Montes supuxo un paso decisivo cara a súa consolidación como destino de referencia dentro da oferta turística galega. As actuacións executadas reforzaron as infraestruturas de acollida, modernizaron as ferramentas de información e profesionalización do sector e ampliaron a oferta con novos produtos adaptados ás tendencias actuais do mercado. A través deste programa, financiado co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea, a Deputación de Pontevedra revalida o seu compromiso cun modelo de desenvolvemento turístico baseado na innovación, a sostibilidade e a xeración de oportunidades económicas para o territorio.

Logos
 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.