Rafa Domínguez anuncia a adquisición dos bens mobles de Santa Clara para avanzar na súa protección integral como conxunto patrimonial
A Deputación de Pontevedra investirá 400.000 euros para adquirir o altar maior, os retablos colaterais, o púlpito, a sillería de coro e mais o órgano de Santa Clara, que será restaurado pola súa gran relevancia histórica e cultural
11/02/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou este mércores que a institución provincial acaba de dar luz verde ao expediente para a adquisición dos bens mobles históricos vinculados ao Convento e á Igrexa de Santa Clara. Con este informe, sinalou o vicepresidente, “péchase un proceso administrativo complexo pero absolutamente necesario, que garante que a operación se realizará con rigor xurídico, control económico e total transparencia”. Domínguez sinalou que este proceso, “que non foi sinxelo pero si prudente e adecuado”, estivo guiado pola “protección integral de Santa Clara como conxunto patrimonial, non só como edificio senón como contedor de bens históricos de valor incalculable”. A previsión é que se aprobe na Xunta de Goberno da próxima semana.
Deste xeito, a Deputación adquirirá “un conxunto de bens artísticos de extraordinario valor histórico e cultural, intimamente ligados a Santa Clara e a súa historia: o altar maior, os retablos colaterais, o púlpito, a sillería de coro e o órgano”. Domínguez asegurou que son “pezas que forman parte da memoria colectiva de Pontevedra” e, coa adquisición, “pasan a formar parte do patrimonio público de todos os pontevedreses, garantindo a súa conservación, a súa protección e a súa permanencia no lugar para o que foron concibidas”. A operación enmárcase na visión de Santa Clara como “nova gran sede cultural do Museo de Pontevedra, coa adquisición e a rehabilitación do recinto como dúas caras dun mesmo proxecto: non tería sentido recuperar o continente sen protexer o contido, nin falar de futuro cultural sen garantir a integridade de todo o seu patrimonio”, sinalou Rafa Domínguez.
A operación realizarase por 396.250 euros, de acordo coas taxacións e os valores recollidos na documentación contractual. Trátase, valorou o vicepresidente, “dun investimento responsable, axustado e plenamente xustificado, que evita a dispersión ou a perda deste conxunto patrimonial, e que reforza o papel do Museo como garante do patrimonio histórico da provincia”. Unha vez adquiridos os bens, a Deputación procederá á restauración do órgano de Santa Clara xa que “non só mercamos patrimonio senón que asumimos a responsabilidade de coidalo, recuperalo e poñelo en valor” porque “gobernar o patrimonio non é mirar cara a outro lado senón protexelo hoxe para garantirllo ás xeracións futuras”. O órgano, asegurou Domínguez, “é unha peza singular de gran relevancia histórica e cultural, e será tratado co rigor que merece”.
O órgano barroco de Santa Clara é o único órgano histórico da cidade de Pontevedra e o último dos realizados na arquidiocese de Santiago. De autoría descoñecida, debeu ser realizado por un organeiro local arredor de 1795. Sufriu dúas reformas posteriores: unha entre 1887 e 1890, que afectou a parte dos tubos, e outra en 1990. Formalmente destaca polas súas cores vivas e pola combinación de tubos dispostos vertical e horizontalmente. O órgano segue en funcionamento, alimentado por un antigo motor-ventilador e por un fol cunha boca de entrada e dúas bocas de saída.
O vicepresidente da Deputación asegurou que esta decisión “marca un antes e un despois na defensa do patrimonio histórico de Santa Clara e de Pontevedra”, e lembrou que “desde o primeiro momento asumín persoalmente a responsabilidade de impulsar e dirixir esta operación” xa que, na súa opinión, “Santa Clara non podía ser tratada como un caso máis nin sometida á improvisación”. A operación levou consigo coordinar os servizos técnicos provinciais, o persoal do Museo e os órganos de contratación e intervención da Deputación “para que cada paso estivese apoiado por informes, criterios técnicos e seguridade xurídica”. O procedemento comezou coa providencia de inicio do expediente, á que lle seguiron os informes técnicos, as taxacións económicas independentes, a análise das condicións xurídicas e a fiscalización de todo o expediente. “Podemos afirmar que o expediente é sólido, coherente e perfectamente defendible”, defendeu.
Ademais, o responsable político do Museo de Pontevedra puxo en valor a comunicación “constante, directa e leal co representante da comunidade das Clarisas”. Domínguez asegurou que a operación “non foi imposta nin opaca, senón un traballo de diálogo institucional, respecto mutuo, claridade e contundencia desde o primeiro día, desde o recoñecemento de interese público dos bens e do valor patrimonial que representa para a cidade”.
Un programa de visitas guiadas e Artes Vivas, primeiros pasos da activación cultural de Santa Clara
O vicepresidente provincial tamén adiantou que “estamos traballando na posta en marcha de visitas guiadas a Santa Clara para que a cidadanía coñeza o recinto, a súa historia e o seu patrimonio desde dentro, con criterios culturais e patrimoniais”. A Deputación está ultimando os detalles organizativos e loxísticos á agarda de que mellore a meteoroloxía, e o convento comezará a abrirse (en canto as condicións o permitan) de maneira ordenada e guiada á cidade “como primeiro paso da súa activación cultural”. Ademais, este verán o convento formará parte do programa Artes Vivas da Bienal de Pontevedra, que levará a ese espazo “creación contemporánea, performance, danza e prácticas artísticas en vivo”.
Do mesmo xeito, Domínguez lembrou tamén que “estamos a traballar moi seriamente na rehabilitación integral con estudos técnicos, proxectos e criterios patrimoniais que garanten que cada paso se dá con rigor e visión a longo prazo: rehabilitar, si, pero tamén encher de contido, activar e dar vida a este espazo”. Este, asegurou, “é o compromiso real da Deputación con Santa Clara: tomar decisións, asumir responsabilidades e protexer o que é de todos”.
