O vicepresidente da Deputación participa na presentación da décima edición do Torneo EncestaRías
17/09/2025
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou na presentación da décima edición do Torneo EncestaRías, que terá lugar os días 19 e 20 de setembro, no Pavillón municipal de Deportes de Pontevedra. No torneo enfrontaranse equipos de referencia do baloncesto europeo como o Real Madrid, o Valencia Basket, o Río Breogán e o Baskonia.
“Estamos moi felices de que o EncestaRías chegase a Pontevedra para quedar, sendo esta xa a terceira ocasión no que se celebra na nosa cidade”, asegurou o vicepresidente provincial, que destacou “somos a provincia do deporte e desde a Deputación queremos poñelo en valor para que sigamos medrando, converténdonos no grande estadio do mundo e camiñando da man dos concellos e dos clubs para que isto sexa posible”. Domínguez aproveitou para lembrar que “só na área de Deportes dedicamos máis de 15 millóns en dous anos, sen contar os Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas, que terán unha terceira edición dotada doutros oito millóns de euros máis para que sigamos tendo as mellores instalacións deportivas nos concellos de menos de 50.000 habitantes”.
