A Deputación financia integramente con preto de 240.000 euros a reurbanización da contorna da Casa da Música, no lugar do Enleito, en Bueu
A deputada provincial María Ramallo acaba de participar na inauguración destas obras de mellora da calidade urbana e da accesibilidade que permitiron tamén poñer en valor o cruceiro e a fonte do Enleito
21/11/2025
A deputada provincial María Ramallo acaba de participar, no lugar do Enleito, en Bueu, na inauguración da reurbanización da contorna da Casa da Música e Praza do Enleito, que foi financiada integramente pola Deputación de Pontevedra con 240.000 euros. A través destes recursos, o Concello de Bueu puido impulsar obras de mellora da calidade urbana e a accesibilidade desta área, así como de posta en valor de dous elementos patrimoniais singulares situados neste enclave como son o cruceiro e a fonte do Enleito.
A deputada provincial destacou que, cos recursos provinciais, Bueu actuou en 1.300 m2 da contorna da Casa da Música, deseñando unha plataforma única, co fin de garantir a accesibilidade universal e a prioridade peonil. A nivel visual diferenciáronse os espazos, mediante o uso de distintos pavimentos e reservando unha faixa para o tráfico de servizos e un aparcadoiro limitado. Ademais, executouse unha rede nova de augas pluviais e de alumeado público soterrada, con luminarias discretas e de baixa altura para limitar a inferencia visual do cruceiro, resaltando os elementos patrimoniais e mellorando tamén a seguridade nocturna. “O resultado non pode ser máis axeitado, conseguindo poñer en valor o espazo público con funcionalidade, respecto polo patrimonio, integración paisaxística e accesibilidade”, asegurou Ramallo.
Este ano, tal e como recordou a deputada provincial, Bueu recibe máis de 930.000 euros do Plan +Provincia para afrontar proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza. Neste eido, Ramallo remarcou que “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, impulsando actuacións tan relevantes como a que hoxe inauguramos en Bueu, que non só consegue un espazo público flexible, aberto, accesible e integrador nesta vila, senón que moderniza o conxunto da provincia”.