A Deputación abre o prazo para participar nos obradoiros de marisqueo de setembro do proxecto Awaves

En total, o organismo provincial oferta entre este venres e o 30 de setembro 27 rutas sensoriais gratuítas en praias das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo para achegar á cidadanía o patrimonio marítimo e marisqueiro a través de experiencias participativas e educativas

03/09/2026

A Deputación abre o prazo para participar nos obradoiros de marisqueo de setembro do proxecto Awaves

A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo para participar nos obradoiros de marisqueo de setembro do proxecto Awaves (ondas atlánticas para promover un turismo e un patrimonio sustentables, equitativos e innovadores), cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg Atlantic Area 2021-2027. En total, o organismo provincial oferta entre este venres e o 30 de setembro 27 rutas sensoriais gratuítas por praias das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo para achegar á cidadanía o patrimonio marítimo e marisqueiro a través de experiencias participativas e educativas. O formulario de inscrición atópase na páxina web da Deputación de Pontevedra e para cada ruta ofértanse 25 prazas.

Este venres os percorridos terán lugar na praia de Deilán, en colaboración coa Confraría de Vilaboa, con dúas rutas entre as 10 e as 12 horas e entre as 12 e as 14 horas, e repetiranse no mesmo lugar e tamén nos mesmos horarios o luns 7 de setembro. Pola súa banda, o martes 8 terá lugar un percorrido entre as 9:30 e as 11.30 horas na praia da Barra, en colaboración coa Confraría de Redondela, e no mesmo lugar e tamén co mesmo horario, organízanse outras dúas saídas o 23 de setembro.

Nos Praceres, en Pontevedra, e da man da Confraría de Lourizán, os obradoiros de marisqueo terán lugar os días 9 (de 9:30 a 11.30 horas), 11 (de 10 a 12 horas), 15 (con dous percorridos de 12 a 14 horas) e 28 de setembro (de 11 a 13 horas). Da man da Confraría de Pontevedra terán lugar tres rutas na praia de Cabeceira, Ameixal, os días 10 (dúas actividades entre as 10 e as 12 horas) e 14 de setembro (de 11:30 a 13:30 horas), e na Seca, en Combarro, con dous percorridos o día 25 de setembro (9:30 a 11:30 horas).

Na Praia do Aguiúncho, en colaboración coa Confraría da Illa de Arousa, terán lugar tres actividades os días 16 (con dúas rutas de 10 a 12 horas) e 24 de setembro (de 9:30 a 11:30 horas). Tamén terán lugar tres percorridos na Praia do Ariño, da man da Confraría de Vilanova de Arousa, os días 29 (con dúas rutas entre as 11 e as 13 horas) e 30 de setembro (de 11 a 13 horas). E serán catro os percorridos pola praia de Compostela, en colaboración coa Confraría do Carril, os días 18 (entre as 10 e as 12 e entre as 12 e as 14 horas) e 22 de setembro (entre as 10 e as 12 e entre as 12 e as 14 horas).

As persoas interesadas deberán cubrir o formulario disposto na web institucional da Deputación de Pontevedra, incluíndo ata un máximo de 3 persoas acompañantes. A asignación das prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición e unha vez admitidas, serán contactadas pola organización coa confirmación e a información necesaria para participar na actividade, incluídos o punto de encontro e as recomendacións para o desenvolvemento correcto da experiencia. Será imprescindible confirmar a asistencia (de non facelo, entenderase que a persoa renuncia á praza) e a institución provincial achegará ás persoas participantes chalecos, luvas, calcetíns e botas para a realización dos obradoiros sensoriais de marisqueo.

Galerias de imagenes