A Deputación organiza a próxima semana catro novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+
Do 29 de setembro ao 1 de outubro realizaranse accións telemáticas arredor de temas como o emprendemento, a nova normativa de Número Único de Rexistro de Aluguer ou, entre outros, o deseño e posicionamento web
28/09/2025
A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana catro novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse do luns 29 de setembro ao mércores 1 de outubro e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como o emprendemento, a nova normativa de Número Único de Rexistro de Aluguer ou o deseño e posicionamento web, entre outros.
O luns 29 de setembro celebrarase o obradoiro "Emprende en 60 minutos: do concepto ao primeiro paso", a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Lalín. As persoas participantes traballarán a definición do cliente e da proposta de valor ata crear un caso de negocio con finanzas básicas e un sistema de validación sinxelo. Todo cunha mentalidade emprendedora que inspirará a dar o primeiro paso sen perder tempo. A sesión será impartida por Sabela Álvarez, licenciada en Comunicación, asesora e formadora acreditada con máis de 10 anos de experiencia en emprego e emprendemento, e as inscricións pódense realizar neste formulario.
O martes 30 de setembro ás 11:30 horas terá lugar o obradoiro "Que é o número de rexistro único e por que o meu aloxamento o necesita?" coordinado pola oficina de Cambados. Este obradoiro abordará a nova normativa sobre o Número Único de Rexistro de Aluguer (NRUA), que xa está en vigor e afecta directamente aos propietarios e administradores de inmobles. Na sesión, ensinarase dun xeito sinxelo como obtelo e as actualizacións legais máis importantes para evitar posibles sancións, e será impartida por Patricia Cabaleiro, licenciada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico. As inscricións pódense realizar neste formulario.
Tamén o martes ás 17:00 horas a oficina de Vigo organiza o obradoiro "Crea unha páxina profesional con WordPress II". As persoas participantes aprenderán os pasos para crear un sitio web profesional e optimizado para buscadores, afondando no seu deseño, desenvolvemento e xestión con este xestor de contidos. María Aller, licenciada en Publicidade e Relación Públicas con máis de 3 anos de experiencia en márketing dixital e comercio en liña, será a encargada de impartir a sesión, e as inscricións pódense realizar neste formulario.
Por último, o mércores 1 de outubro tamén ás 12:00 horas a oficina do Ponteareas desenvolverá o obradoiro "Fai que te atopen I. SEO na web". Guillermo Nass, técnico superior universitario en Deseño Gráfico Publicitario con experiencia en márketing dixital, explicará dun xeito práctico que é a optimización para motores de busca (SEO), como funciona e como aplicalo a un sitio web para mellorar a súa visibilidade en Google. As persoas interesadas poden inscribirse neste formulario.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.