A Deputación presenta o concerto que ofrecerá o músico Carlos Núñez en Marín no marco do ciclo Son Verán

O deputado de Cultura, Jorge Cubela, acompañado pola alcaldesa María Ramallo, confirmou que a actuación terá lugar o 18 de setembro ás 20:00 horas no Auditorio da vila

04/09/2026

A Deputación presenta o concerto que ofrecerá o músico Carlos Núñez en Marín no marco do ciclo Son Verán

O deputado de Cultura, Jorge Cubela, presentou este venres no Pazo provincial da Deputación o concerto de Carlos Núñez que se celebrará o próximo 18 de setembro, no Auditorio municipal á 20:00 horas, no marco do ciclo cultural Son Verán. Cubela estivo acompañado da alcaldesa da localidade e deputada provincial María Ramallo, que informou de que a asistencia ao concerto será de balde, previa retirada dos convites que estarán dispoñibles no despacho de billetes do Auditorio de Marín a partir do próximo mércores 9 de setembro.

Jorge Cubela sinalou que “Son Verán é unha nova proposta cultural que organizamos desde a Deputación en colaboración con concellos como o de Marín para esta segunda metade do período estival que está a ter unha grande acollida e unha grande afluencia de público”. O deputado de Cultura puxo en valor que Carlos Núñez “é un dos nosos músicos máis internacionais de maior prestixio, e grazas á Deputación o Concello de Marín poderá contar cun evento de primeira orde e de gran nivel no seu recentemente estreado Auditorio, un referente nas infraestruturas galegas culturais”. O deputado tamén fixo fincapé no carácter gratuíto do concerto, “porque desde o noso goberno queremos fomentar que a cidadanía teña acceso a unha programación cultural de calidade”.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, agradeceu á Deputación “a súa sensibilidade para configurar unha oferta cultural cunha liña de actividades moi potentes que nos permite estar no mapa cultural”. A alcaldesa sinalou que o concerto de Carlos Núñez do programa Son Verán “é unha oportunidade para nós, xa que o noso Auditorio ten unha capacidade de 500 persoas e poder ter unha actuación del, despois da sorpresa que demos á veciñanza no acto de inauguración do auditorio, é un luxo e non sería posible sen a planificación nin a oferta da Deputación”.

No marco de Son Verán organízanse 13 actuacións en 8 comarcas da provincia, con especial atención aos concellos de menos de 20.000 habitantes, con estilos e propostas alternativas ás programadas polos concellos e pola propia programación habitual da Deputación, encadrada en catro grandes bloques: ópera, musical, tradicional – celta e músicas do mundo. Comezou o 24 de xullo cun concerto de Gabriel Fandi, e en agosto chegou aos concellos de Caldas de Reis, Cerdedo Cotobade, Forcarei, Ribadumia, Valga e Vilanova de Arousa. “Querida Montserrat, querido Luciano” desfrutouse en Caldas de Reis, Forcarei e Vilanova de Arousa, The Crass ofreceu un concerto en Cerdedo Cotobade, Queiman Folk en Valga e Laroá en Ribadumia.

En setembro, Son Verán chega a Cangas de Morrazo, A Guarda, Marín, As Neves, O Porriño e Redondela. Na Guarda acolleu este xoves un concerto de Laroá, e Roi Casal poderá escoitarse o 13 de setembro na praza do Concello das Neves e o 20 de setembro na praza da Casa da Torre de Redondela. Ademais, Carlos Núñez tamén ofrecerá o seu espectáculo durante este mes no porto de Aldán de Cangas de Morrazo (proximamente comunicarase a data) e Son Verán rematará o seu percorrido polos concellos o 26 de setembro cun espectáculo de Queiman Folk na praza Arquitecto Palacios do Porriño.

Galerias de imagenes