A Deputación destaca a transformación e humanización do Val-Sobral, en Soutomaior, financiada con 160.000 € do Plan +Provincia

O deputado provincial Jorge Cubela asistiu á inauguración do renovado espazo público, que foi financiado integramente pola Deputación de Pontevedra

07/03/2026

A Deputación destaca a transformación e humanización do Val-Sobral, en Soutomaior, financiada con 160.000 € do Plan +Provincia

O deputado provincial Jorge Cubela asistiu este sábado en Soutomaior á inauguración das obras de humanización do Val-Sobral impulsadas grazas ás achegas da institución provincial. A actuación foi financiada integramente coa axuda concedida ao Concello de Soutomaior por valor de 160.000 euros no marco do Plan +Provincia.

Cos recursos provinciais, Soutomaior acometeu o asfaltado e adecuación dun tramo de estrada de preto de 800 metros, que abrangue desde a zona da Chan (no Sobral) ata a Chan de Moreira (no acceso ao barrio de Lourido). Ademais, as obras tamén contemplaron o acondicionamento de tres núcleos que, tralos traballos, funcionan como pequenas prazas e puntos de encontro veciñais, sendo agora espazos máis amables e humanizados.

Jorge Cubela lembrou que a Deputación tamén está a achegar importantes fondos para outras actuacións de gran calado en Soutomaior, como os preto de 230.000 euros tamén do Plan +Provincia cos que o Concello está a facer fronte á remodelación do Salón de Plenos da Casa do Concello e á reforma da contorna da súa sede para crear unha nova praza pública.

Soutomaior recibe preto de 1,1 millóns de euros a través do Plan +Provincia 2026-2027 da Deputación, con 644.000 euros correspondentes á anualidade 2026 e o adianto de 451.000 euros da liña 1 de investimentos de 2027. O deputado provincial sinalou que “este plan responde ao municipalismo do noso goberno e está a permitir que os concellos poidan levar a cabo grandes actuacións que repercuten en mellores servizos e espazos para a veciñanza”. Jorge Cubela lembrou que a filosofía do goberno da Deputación é a de Escoitar, Entender e Atender, e que grazas a isto “estamos a modernizar o territorio e a aumentar a calidade de vida das persoas”.

Galerias de imagenes