A Deputación recibe a unha representante da Spain Convention Bureau que percorre a provincia para coñecer escenarios para organizar congresos, eventos e viaxes de incentivos

O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, deu a benvida á representante da FEMP e remarcou a potencialidade da provincia de Pontevedra para o turismo MICE (Reunións, Incentivos, Congresos e Eventos), o segmento turístico que atrae a 10,5 millóns de visitantes anuais ata España

12/03/2026

A Deputación recibe a unha representante da Spain Convention Bureau que percorre a provincia para coñecer  escenarios para organizar congresos, eventos e viaxes de incentivos

A Deputación de Pontevedra está a acoller esta semana a unha representante da Spain Convention Bureau que percorre a provincia para coñecer, de primeira man, escenarios para organizar congresos, eventos e viaxes de incentivos. O deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña, deu a benvida á representante da FEMP e remarcou a potencialidade da provincia de Pontevedra para o turismo MICE (Reunións, Incentivos, Congresos e Eventos), o segmento turístico que atrae a 10,5 millóns de visitantes anuais a España e prevé superar neste 2026 os 11 millóns.

A Deputación de Pontevedra aprobou a adhesión á Spain Convention Bureau no último pleno do 2025, celebrado o 26 de decembro e, nestes momentos, opta a converterse na terceira deputación provincial de España, despois de Valencia e Granada, en formar parte deste organismo da FEMP. A través de Turismo Rías Baixas, a institución provincial pretende avanzar neste segmento do sector que está a experimentar un importante crecemento anual tanto en canto ao número de participantes como no gasto medio por persoa, cun incremento de ata un 24% na última década.

A Deputación pretende dar pasos cara adiante para captar viaxes de incentivos, congresos, eventos e reunións na provincia de Pontevedra, co obxectivo de dinamizar e diversificar o turismo e impulsar un turismo de calidade, desestacionalizado e internacional. E, neste eido, o deputado de Turismo amosou a potencialidade do destino, tanto desde o punto de vista de aloxamentos e restauración, como en canto á oferta e infraestruturas e equipos técnicos, para acoller estes acontecementos, a través de visitas a Pontevedra, Vigo, Baiona, o sur da provincia e a contorna do Salnés.

Galerias de imagenes