A Deputación ultima as datas para visitar a exposición “Miscelánea” de Daniel Domínguez no Palacete das Mendoza

A mostra pictórica, na que o artista bebe das correntes das vangardas históricas, poderá visitarse na sede de Turismo Rías Baixas ata este domingo 15 de marzo

09/03/2026

A Deputación de Pontevedra ultima as datos para visitar no Palacete das Mendoza a exposición “Miscelánea”, do pintor Daniel Domínguez. A mostra, na que o artista aposta por unha gran diversidade de estilos nos seus cadros, que beben de correntes das vangardas históricas como o cubismo, o impresionismo e a abstracción, poderá visitarse no Palacete das Mendoza ata este domingo 15 de marzo.

Daniel Domínguez asume a vontade de non ter unha unidade ou unha identidade única como unha formulación persoal. Cun gran dominio técnico, os seus debuxos están acompañados dun sentido da cor moi persoal, con tons alegres e harmoniosos que, en palabras de Antón Sobral, ofrecen a oportunidade de escoller cal dos diferentes estilos lle agradan máis ao espectador, á vez que lle ofrecen unha actitude ecléctica onde se concilian distintas ideas, temas e procedencias.

Nesta última semana, a exposición “Miscelánea” poderá visitarse na sala de exposicións do Palacete das Mendoza no horario habitual da sede de Turismo Rías Baixas: de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, os sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.