A Deputación percorre a estrada provincial EP-0503 Mané-Rebón, en Moraña, na que está a investir máis de 1,2 millóns de euros para a mellora da seguridade viaria

A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, xunto co alcalde de Moraña, José Gómez, supervisaron o treito obxecto da actuación, que será financiada integramente polo organismo provincial

06/10/2026

A Deputación percorre a estrada provincial EP-0503 Mané-Rebón, en Moraña, na que está a investir máis de 1,2 millóns de euros para a mellora da seguridade viaria

A Deputación de Pontevedra supervisa as obras que se están a acometer na estrada provincial EP-0503 Mané-Rebón, en Moraña, na que está a investir máis de 1,2 millóns de euros para a mellora da seguridade viaria. A deputada de Infraestruturas, Belén Cachafeiro, xunto co alcalde de Moraña, José Gómez, supervisaron o treito obxecto da actuación, que será financiada integramente polo organismo provincial.

A mellora desta estrada, que se executará nun prazo aproximado de doce meses, abrangue un treito situado entre o punto quilométrico 2+300 e o 3+624. Nestes momentos, tal e como explicou Belén Cachafeiro, estanse a realizar os traballos de ensanche da plataforma mediante os desmontes e terrapléns correspondentes. A deputada provincial detallou que tamén se están a executar os saneos na beira do río co fin de preparar as cimentacións para a construción da nova ponte.

As obras que está a acometer a Deputación de Pontevedra na EP-0503 Mané-Rebón permitirán dispoñer dunha vía con ancho de ata os 7 metros con dous carrís de 3 metros, un para cada sentido, e beiravías de 0,5 metros en ambos lados. Ademais, corrixirase o trazado de diversas curvas perigosas, incrementando o seu raio de xiro para mellorar a visibilidade, e executaranse cunetas en formigón así como actuacións para mellorar a drenaxe da estrada.

Galerias de imagenes