A Deputación continúa esta fin de semana en Silleda e O Campo Lameiro os percorridos do programa provincial +Bosques

A Deputación continúa esta fin de semana en Silleda e O Campo Lameiro os percorridos do programa provincial +Bosques

17/06/2026

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana con todas as prazas esgotadas os percorridos da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades celebraranse este sábado 20 de xuño na contorna de Carboeiro (Silleda) e o domingo 21 na zona do río Maneses (O Campo Lameiro), e nelas participarán un total de 60 persoas.

En Carboeiro o programa desenvólvese arredor do bosque de ribeira do val do Deza e do histórico Mosteiro de Carboeiro, un dos mosteiros medievais máis importantes de Galicia. Pola súa banda, a ruta do río Maneses desenvólvese ao longo dun val fluvial de gran valor ecolóxico, caracterizado por un bosque de ribeira con ameneiros, salgueiros e outras especies propias de ecosistemas húmidos que acompaña o curso do río ata a súa desembocadura no Lérez.

Nesta edición de +Bosques, o programa chegará a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionarán ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza. Promoverase a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Os percorridos continuarán o día 27 deste mes nas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga) e o 28 na Illa de Tambo (Poio). O resto de datas (xullo, agosto a setembro) poden consultarse no sitio web institucional. As inscricións abren mes a mes, sendo o 23 de xuño a data escollida para a inscrición nas actividades de xullo, ás 9:00 horas.