A Deputación activa as visitas guiadas á exposición antolóxica sobre Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas no Museo de Pontevedra

As visitas terán lugar todos os xoves ás 18:00 h e os sábados ás 12:00 h, con reserva previa a través da web do Museo, museo.depo.gal

05/05/2026

A Deputación activa as visitas guiadas á exposición antolóxica sobre Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas no Museo de Pontevedra

A Deputación activa as visitas guiadas á exposición ‘Arte parella. Mercedes Ruibal-Agustín Pérez Bellas’, que se inaugurou o xoves 30 de abril e pode visitarse ata o 28 de xuño no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. As visitas terán lugar desde esta semana todos os xoves ás 18:00 h e os sábados ás 12:00 h. Serán conducidas polo equipo de Educación do Museo e para asistir é preciso reservar praza a través da web do Museo, museo.depo.gal, a partir deste mércores 6 de maio.

‘Arte en parella’ fai un percorrido antolóxico polas máis significativas obras dos dous artistas, cubrindo as distintas etapas creativas de ambos. A traxectoria destes pintores quedou marcada pola súa intensa relación matrimonial á vez que mantiveron unha clara autonomía plástica que lles permitiu, desde mediados da década de 1950, desenvolver liñas artísticas dispares.

A mostra reúne máis de cen obras entre os dous artistas que certifican o seu papel central dentro da pintura galega do século XX, e mesmo a repercusión que acadaron tanto en Galicia e o resto do estado así como, puntualmente, en Francia e Italia. Composta por 58 pezas de Ruibal, entre óleos, debuxos e acrílicos, e 57 de Pérez Bellas, a maioría delas tintas, complétase con outros materiais que aportan contexto: álbums, carteis, “academias”, debuxos soltos, fotografías e prospectos das súas mostras por diferentes galerías españolas e estranxeiras.

Tamén se expoñen libros con dedicatorias manuscritas de diversos intelectuais, políticos e artistas que trataron, sinais do seu activismo político, deseños gráficos, discografía e exemplos da obra literaria que en vida editaron tanto Agustín como Mercedes. Está presente na mostra a relación intensa que mantiveron con outros creadores como Laxeiro, que os retratou, e co poeta Rafael Alberti, de quen, na súa faceta de pintor, tamén se amosan obras a eles dedicadas. A montaxe do Museo de Pontevedra recupera dúas entrevistas individuais realizadas para programas de televisión emitidos en 1971 e 1989.

Ademais das visitas guiadas, a mostra completarase coa celebración das xornadas ‘Tecendo Pinturas. As Artes de Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas’. Na tarde do xoves 28 de maio intervirán Marga do Val, Graciela Baquero, Xosé Enrique Acuña e Cristina Villaverde Ruibal, e o venres 19 de xuño participarán José Varela Alén e Beatriz Ruibal, que presentará unha videocreación feita especificamente para a ocasión.

Galerias de imagenes