A Deputación aproba a ampliación dos convenios con Pontevedra para a pasarela da rúa Doce de Novembro e para a conexión entre a avenida de Marín e Rosalía de Castro
As addendas estenden a vixencia de ambos acordos ata o 31 de decembro de 2027 e permite completar as actuacións, que se financian con dúas achegas provinciais dun total de dous millóns de euros
13/11/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe na Xunta de Goberno sendas addendas para ampliar os convenios co Concello de Pontevedra para as obras da pasarela da rúa Doce de Novembro, e para a conexión entre a avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro. Como explicou o presidente provincial, Luis López, trátase de dous proxectos que a institución provincial financia na súa totalidade con achegas por un valor total de 2 millóns de euros. As ampliacións estenden a vixencia dos convenios ata o 31 de decembro de 2027, garantindo así que a cidade poida manter os fondos provinciais comprometidos para este proxecto.
Por unha banda, trátase da execución das obras de acondicionamento da parcela sobre a vía férrea na rúa Doce de Novembro, que acaban de ser adxudicadas despois de ter que rescindir o contrato anterior, e que contan cun orzamento de 710.000 euros.
Pola outra, as obras da vía de conexión entre a avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro, un proxecto que, cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros, ten como obxectivo desconxestionar o tráfico e derivalo cara á avenida de Marín, creando ademais espazos reservados para peóns, e que non puido ser adxudicado ata xullo e teñen un prazo de execución dun ano.
