A Deputación reforza o seu compromiso coas artes escénicas no terceiro ciclo de +Escénicas, cun 36% máis de recursos desde a súa posta en marcha
Luis López anunciou a aprobación das bases da terceira edición, que contará con 204.000 euros para que os concellos poidan programar ata 5 actuacións de teatro e danza cada un entre abril de 2026 e marzo de 2027
13/02/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres as bases da terceira edición do circuíto +Escénicas, que seguirá impulsando as artes escénicas en galego nos concellos de menos de 20.000 habitantes e un compromiso reforzado por parte do goberno provincial. O presidente Luis López sinalou que a Deputación segue aumentando o crédito de +Escénicas, "que comezou cun orzamento de 150.000 euros, subiu aos 195.000 euros e agora se sitúa nos 204.000 euros: estamos a falar de que +Escénicas incrementou o seu orzamento nun 36% desde a primeira ata a súa terceira edición".
Ademais do incremento global do orzamento, o presidente sinalou que "tamén medra a cantidade das axudas que recibirán os concellos". Se na segunda edición podían recibir ata 3.800 euros, "agora poden recibir ata 4.000 € en réxime de cofinanciamento". Os concellos poden seleccionar ata un máximo de 5 espectáculos, e no caso de solicitar 4 ou máis un deles como mínimo deberá ser de danza. Ao igual que nas ocasións anteriores, a Deputación financia ata o 90% das actuacións nos concellos de menos de 5.000 habitantes, ata o 80% nos concellos entre 5.000 e 10.000 habitantes, e ata o 70% nos concellos de máis de 10.000 habitantes.
Na actualidade as compañías están en prazo de inscribirse ou modificar os seus espectáculos, que estarán incluídos no catálogo de +Escénicas, ata o 28 de febreiro. Unha vez pechado o catálogo, os concellos terán de prazo entre o 16 e o 31 de marzo para facer as súas solicitudes, e os espectáculos deberán ter lugar entre o 1 de abril de 2026 e o 31 de marzo de 2027.
Tal como asegurou o presidente Luis López, +Escénicas "achega cultura de calidade e estable aos concellos", ademais de favorecer o acceso á cultura por parte da veciñanza da provincia. O presidente da Deputación lembrou que +Escénicas dá resposta a unha demanda que o sector profesional viña facendo desde fai máis de 15 anos, "así que podemos dicir que con +Escénicas todos gañamos, porque é un programa que nace de escoitar, entender e atender, como todo o que facemos neste goberno provincial", concluíu Luis López.
