Luis López anuncia a concesión de 1,5 millóns de euros das axudas DepoVAN, que chegarán a 77 clubs deportivos para a adquisición ou adaptación de vehículos
As axudas, cuxo orzamento se aumentou desde o millón de euros inicial, buscan facilitar os desprazamentos, especialmente das persoas con discapacidade, aos seus adestramentos, competicións e outras actividades do seu ámbito
06/11/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe a aprobación da concesión das axudas DepoVAN polas que un total de 75 clubs deportivos obterán fondos para adquirir ou adaptar furgonetas e outros vehículos. A liña está dotada de 1,5 millóns de euros, despois de aumentar o pasado mes de setembro, como explicou o presidente provincial, desde o millón inicial “ante o gran número de solicitudes recibidas”, e o obxectivo é facilitar os desprazamentos, especialmente das persoas con discapacidade, aos seus adestramentos, competicións e calquera outra actividade do seu ámbito, así como ao traslado de materiais.
As axudas distribúense en tres ámbitos de actuación: deporte xeral, no que se reparten 925.000 euros para 49 clubs, que recibirán cada un entre 4.600 e 23.000 €; deporte náutico, cun total de 525.000 € para 26 clubs que contarán con entre 100 e 3.000 € para adquirir ou modificar vehículos; e deporte para persoas con discapacidade, na que dous clubs reciben 50.000 €, 25.000 € cada un deles.
DepoVAN responde ao compromiso da Deputación co desenvolvemento deportivo e á necesidade de garantir a igualdade de oportunidades no acceso e na práctica deportiva, especialmente para aquelas persoas ou entidades que, polas súas circunstancias, requiren adaptacións específicas. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra busca mellorar as condicións de mobilidade e promover unha práctica deportiva segura, estruturada e accesible para todos os deportistas da provincia, con especial atención ás necesidades específicas das persoas con discapacidade.
