A Deputación destina 225.000 € á mellora de infraestruturas deportivas en Caldas de Reis e A Lama
O presidente provincial Luis López recordou que “estes recursos enmárcanse no III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que nestas tres edicións distribuíu xa 20 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”
08/05/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar axudas por valor de 225.000 € para a mellora de infraestruturas deportivas en Caldas de Reis e A Lama. O presidente provincial Luis López recordou que “estes recursos enmárcanse no III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que nestas tres edicións distribuíu xa 20 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia”.
Deste xeito, a Deputación aprobou destinar a totalidade dos recursos que lle corresponden á Lama no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, 91.000 €, para financiar melloras no seu pavillón polideportivo. Con estes recursos provinciais repararanse as varandas das gradas mediante esmalte de resinas sintéticas, melloraranse os paramentos verticais e renovarase o pavimento cun novo vinílico deportivo, resistente ao desgaste e á sucidade, con pintura plástica e acabado mate.
No caso de Caldas de Reis, serán 135.452,65 € que se corresponden tamén coa totalidade dos recursos que o concello ten á súa disposición a través do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Con esta axuda, a vila contará cun campo de fútbol 7 no espazo deportivo das Corticeiras que se situará sobre a parcela que na actualidade se emprega para acumular material de obra. A actuación suporá gañar arredor de 4.000 m2 para uso deportivo.
