A Deputación aprobará esta semana máis de 135.000 € para dotar o espazo deportivo das Corticeiras, en Caldas de Reis, dun campo de fútbol-7
O deputado provincial Ricardo Martínez visitou as futuras instalacións, situadas a carón do actual campo de fútbol, para as que o concello investirá todo o orzamento que está á súa disposición no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
07/05/2026
O deputado provincial Ricardo Martínez anunciou este xoves no espazo deportivo das Corticeiras, en Caldas de Reis, que a Deputación de Pontevedra aprobará este venres na Xunta de Goberno unha achega de máis de 135.000 euros para amplialo coa dotación dun campo de fútbol-7. Trátase de todos os recursos que ten á súa disposición o Concello no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros para que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora dos xa existentes.
Caldas de Reis recibirá 135.452,65 € da Deputación para ampliar as dotacións coas que conta este espazo deportivo municipal, próximo ao río Umia. En concreto, construirase un campo de fútbol-7 a carón do campo actual, nunha parcela que na actualidade se utiliza para a acumulación de material de obra. Con esta actuación o espazo gañará arredor de 4.000 m2 para uso deportivo. Os traballos inclúen os movementos de terras, a execución dun muro de contención, a execución das redes de recollida de pluviais, de abastecemento e de subministración eléctrica, levar a cabo as cimentacións, soleiras e peches necesarios e a execución dos diferentes pavimentos formulados no proxecto.
Ricardo Martínez lembrou que non é a primeira vez que os recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas van parar a este espazo deportivo das Corticeiras, onde Caldas de Reis investiu a totalidade de recursos (68.000 €) que tivo na primeira edición para mellorar as gradas e a iluminación do campo de fútbol. O deputado asegurou que “desde a Deputación estamos esforzándonos moito para que os concellos se poidan sumar á gran provincia do deporte que proxectamos para Pontevedra, pero sempre respectando a máxima do municipalismo para que poidan investir onde realmente o necesitan”, sinalou Martínez.
