A Deputación aproba 1,4 millóns de euros do Plan +Provincia para financiar catro actuacións de mellora de infraestruturas e espazos públicos da Estrada e Silleda

A Estrada recibirá preto dun millón de euros para o arranxo de vías municipais na zona sur, preto de 200.000 € para a remodelación do Novo Municipal e máis de 60.000 euros para a construción dun estacionamento para camións

12/06/2026

A Deputación aproba 1,4 millóns de euros do Plan +Provincia para financiar catro actuacións de mellora de infraestruturas e espazos públicos da Estrada e Silleda

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno tres achegas por valor de preto de 1,2 millóns de euros para o Concello da Estrada e outra de máis de 240.000 € para o Concello de Silleda no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que os recursos provinciais permitirán financiar catro actuacións que repercutirán na mellora de espazos e infraestruturas públicas municipais destes dous concellos: vías da zona sur, un estacionamento para camións e a remodelación do Novo Municipal da Estrada, e a mellora de vías municipais en Mourelos e Meixomence, en Silleda. “Imos avanzando no reparto dos 85 millóns cos que conta o Plan +Provincia para mellorar os servizos públicos e modernizar os espazos municipais, facendo que Pontevedra sexa unha provincia extraordinaria”, sinalou Luis López.

A actuación que recibe máis recursos por parte da Deputación é o proxecto de arranxo de vías municipais da zona sur da Estrada, que consiste na limpeza dos foxos, o varrido dos firmes e a instalación de novas capas de rodaxe mediante aglomerado en quente. O proxecto afectará as parroquias de Guimarei (A Torre e Campos-A Cruz), Somoza (Castro Ramiro, Cernadela e Vila de Abaixo), San Xorxe de Cereixo (O Millarrabo-O Viso, O Millarrabo, Señoráns e Constenla), Olives (Pereiriños-Viladafonso e Fraiz), Pardemarín (Piñeiro-Golfariz, A Brea-Vinseiro), Tabeirós (Tabeirós, Tabeirós-Sandán, Sandán, Sandán-Piñoi, Cimáns, Outeiro, As Carballas, Sar, As Quintas e Tosar), Parada (estrada principal San Xorxe-O Arnado), Nigoi (Escariz e A Silva), Ribela (Vilar-Entrecastrelo, Igrexa-Parada e Entrecastrelo-Arnado), Codeseda (Monteagudo, As Quintas, Outeiro e acceso a Arnado-Abragán) e Liripio (A Canda-Portela e Cabanelas).

A Estrada tamén recibirá 190.000 € para a remodelación do Novo Municipal, unha actuación que xa acadou anteriormente 200.000 € do PEID, para adecualo ás necesidades dos clubs de fútbol que empregan esta infraestrutura. A grandes riscos, substituirase o céspede artificial por un novo de última xeración para evitar lesións e tamén se substituirá a totalidade da iluminación coa instalación de 24 proxectores LED (seis por torre) co que se chegará a un nivel de iluminación axeitado, fronte ao actual que resulta insuficiente.

A Estrada recibirá outros preto de 61.000 € do Plan +Provincia para impulsar a construción dun estacionamento para camións na zona posterior á estación de autobuses, que resolverá a carencia dun espazo destinado a este fin. Ata agora, os camioneiros residentes no casco urbano da Estrada tiñan que aparcar en zonas non habilitadas para estes vehículos, polo que o novo espazo ofrecerá un confort extra con bos accesos, un amplo espazo de manobra, iluminación axeitada e videovixilancia. O recinto contará con arredor de 25 prazas e o seu acceso estará regulado a través dunha tarxeta.

No caso de Silleda, a Deputación achega máis de 240.000 €, para o arranxo do acceso e o núcleo de Mourelos e de vías municipais do núcleo de Meixomence. Os traballos inclúen a mellora da capa de rodaxe mediante tratamento asfáltico semiprofundo e aglomerado en quente, a canalización das augas pluviais, a execución de cunetas de seguridade en varios treitos e a construción de muros de pedra para a mellora da drenaxe, así como a limpeza de gabias e salvagabias e a reposición da sinalización horizontal.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.