A Deputación aproba 625.000 euros do Plan +Provincia para financiar actuacións nos concellos da Estrada, Lalín e Silleda

A Estrada recibirá 92.000 € para pavimentar camiños en Callobre, Lalín 115.000 € para adquirir o inmoble Casa Taín e Silleda 420.000 € para o saneamento de augas residuais en Maceira Boa e para mellorar camiños municipais

17/07/2026

A Deputación aproba 625.000 euros do Plan +Provincia para financiar actuacións nos concellos da Estrada, Lalín e Silleda

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno catro achegas por valor de 625.000 euros para os concellos da Estrada, Lalín e Silleda no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que A Estrada recibirá 92.000 € para pavimentar camiños en Callobre, Lalín 115.000 € para adquirir o inmoble Casa Taín e Silleda 420.000 € para o saneamento de augas residuais en Maceira Boa e para mellorar camiños municipais.

Máis polo miúdo, o Concello da Estrada proxecta a mellora do firme en cinco vías de Callobre (Aldea Grande – A Riba, Nogueira, Vilafruxil, O Vilar e O Vilar – Aldea Grande) para corrixir fochas, fisuras e problemas de seguridade viaria. As obras contemplan a limpeza de foxos, o varrido superficial e a extensión dunha nova capa de aglomerado asfáltico en quente de 5 centímetros de espesor. Finalmente, os traballos completaranse coa elevación e adecuación das reixas dos sumidoiros e as tapas de arquetas situadas nas calzadas.

Pola súa banda, Lalín adquirirá a Casa Taín, situada no barrio do Regueiriño e que na actualidade se atopa en estado ruinoso, co obxectivo de conectar esta contorna coa améndoa central da vila, ampliando así o espazo público e actual infraestrutura verde da Praza do Concello-Praza da Torre.

Finalmente, Silleda destinará 160.000 euros a Maceira Boa, onde se levarán a cabo as obras necesarias para a execución da infraestruturas de saneamento de augas residuais para dar servizo aos habitantes do núcleo. En concreto, instalarase unha nova rede de saneamento conectada coa existente e situaranse pozos de rexistro e de resalto separados por non máis de 50 metros, entre outras actuacións. Ademais, outros 260.000 euros permitirán realizar obras en camiños municipais que discorren polos núcleos rurais de Barreiro e Pedrouzo, na parroquia de Graba; Alfonsiños e Ouzande, en Cervaña, e Caporrapado e A Revolta, na parroquia de Cortegada. Principalmente, realizarase a rehabilitación superficial do firme das vías mediante a execución dunha nova capa de rodaxe e limparanse as cunetas en ambos marxes e perfilaranse os seus noiros.

“Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de € cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.