A Deputación aproba preto dun millón de euros do Plan +Provincia para financiar actuacións nos concellos das Neves, Covelo, Mos, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui

As Neves contará con 90.000 € e Covelo con máis de 100.000 € para pavimentar camiños, Tui con 140.000 € para adquirir un camión con guindastre; Tomiño con 160.000 € para adquirir un vehículo retroescavadora e un pick-up, Mos con 235.000 € para mellorar a seguridade viaria en San Cosme e A Quinta e Salvaterra de Miño con 240.000 € para mellorar a EDAR da Canuda

17/07/2026

A Deputación aproba preto dun millón de euros do Plan +Provincia para financiar actuacións nos concellos das Neves, Covelo, Mos, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno sete achegas por valor de máis de 960.000 euros para os concellos das Neves, Covelo, Mos, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que As Neves contará con 90.000 € e Covelo con máis de 100.000 € para pavimentar camiños, Tui con 140.000 € para adquirir un camión con guindastre; Tomiño con 160.000 € para adquirir un vehículo retroescavadora e un pick-up, Mos con 235.000 € para mellorar a seguridade viaria en San Cosme e A Quinta e Salvaterra de Miño con 240.000 € para mellorar a EDAR da Canuda.

Máis polo miúdo, As Neves repavimentará e porá a punto catro infraestruturas, unha actuación que suma máis de 600 metros lineais de mellora no camiño de Carreirachán e o de Gorbelas, na parroquia de Taboexa; o camiño da Poza, na parroquia de Vide, e o camiño da Cooperativa, na parroquia das Neves. No caso de Covelo, o proxecto contempla a mellora integral do pavimento en catro vías locais mediante a aplicación de formigón reforzado con fibra de vidro: a Rúa da Igrexa (A Lamosa), onde ademais se construirá un muro de contención de pedra granítica para solucionar un desnivel; as rúas de Lourido (Casteláns) e das Puzas (Barcia de Mera), que renovarán os seus firmes deteriorados e incluirán rebaixes de rasante; e o Camiño do Depósito (Godóns), actualmente en terra, que será acondicionado con saburra e un novo sistema de drenaxe de augas pluviais.

Pola súa banda, Tui destinará 142.000 € á compra dun camión con caixa aberta basculante e guindastre, con bastidor baixo para facilitar os traballos de carga e descarga. Ademais, Tomiño contará con 87.000 € para adquirir un vehículo pick-up con plataforma elevadora para destinalo ao servizo municipal de electricidade e con 74.000 € para adquirir unha miniretroescavadora nova para realizar traballos de escavación, movementos de terra, execución de gabias, carga e desprazamento de materias, entre outros.

No caso de Mos, o Concello recibe 234.000 € para a ampliación da plataforma e a renovación do firme nos camiños de San Cosme e da Quinta. As actuacións inclúen o fresado de case 3.000 m² de pavimento, a instalación de redutores de velocidade e a modernización da rede de drenaxe con cunetas de formigón e sumidoiros para tráfico pesado.

Por último, Salvaterra de Miño destinará 237.000 € para substituír os biodiscos e os caudalímetros de entrada e saída na EDAR do Alto da Fonte na Canuda, co obxectivo de garantir un correcto control e depuración das augas residuais próximas ao río Miño. Os traballos inclúen o desmonte e baleirado da cuba cunha grúa de gran tonelaxe, o deseño en cascada dos novos biodiscos para optimizar o seu rendemento, e a instalación de caudalímetros (electrónico na entrada e de correlación ultrasónica na saída) sen necesidade de obra civil maior.

“Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de € cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.

audios