A Deputación aproba destinar 400.000 euros do Plan +Provincia para os concellos Caldas de Reis, Cambados e Cuntis
Cuntis recibe 60.000 € para a mellora da capa de rodaxe nun camiño en Mesego, Cambados 75.000 € para a reforma do alumeado exterior da Aldea Tragove e o campo municipal de Burgáns e Caldas de Reis 260.000 € para a ampliación da rede de saneamento no tramo do Pazo – Santa María
25/09/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno tres achegas por valor de 400.000 euros para os concellos de Cuntis, Cambados e Caldas de Reis no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Cuntis recibe 60.000 € para a mellora da capa de rodaxe nun camiño en Mesego, Cambados 75.000 € para a reforma do alumeado exterior da Aldea Tragove e o campo municipal de Burgáns e Caldas de Reis 260.000 € para a ampliación da rede de saneamento no tramo do Pazo – Santa María.
Máis polo miúdo, Cuntis mellorará un tramo de 1.370 metros do camiño que que da acceso a varios núcleos dentro do lugar de Mesego. Ademais de repoñer a capa de rodaxe, o obxectivo e realizar uns pequenos ensanches que aumenten a funcionalidade da vía, permitindo o cruzamento de vehículos sen ter que saírse a beiravía. Pretendese tamén a limpeza das cunetas que se atopan atoadas con motoniveladora e, en tres tramos vaise proceder a execución dunha cuneta formigonada transitable. Procederase a outras actuacións por zonas como instalación de canalizacións de pluviais, ao fresado do pavimento ou á sinalización.
No caso de Cambados procederase á renovación do alumeado público exterior na vía Tragove depuradora que comunica o Peirao de Pesca de Tragove co Porto de Tragove, co fin de dotar ao devandito percorrido dunhas condicións adecuadas de visibilidade, seguridade de utilización, uniformidade lumínica e eficiencia enerxética. De forma resumida, o alcance da actuación comprende: 24 luminarias viarias tipo LED de 65 W, 22 postes de formigón para soportar os novos puntos de luz proxectados, a utilización de 2 apoios existentes, a substitución da luminaria existente no punto de conexión do Peirao de Pesca de Tragove e a execución dos traballos de montaxe, conexionado, fixación, tensado, axuste, probas e remates necesarios para a completa terminación da instalación e a súa posta en servizo. Por outra parte, procederase á iluminación do Campo Municipal de Burgáns que contempla a instalación de 20 proxectores LED dunha potencia aproximada de 1.000 W e a implantación dun sistema de xestión da luz.
Por último, en Caldas de Reis o proxecto contempla a instalación de redes separativas de saneamento para augas residuais e pluviais, a ampliación da rede de abastecemento de auga potable e a reposición dos pavimentos afectados, distribuíndose en tres tramos. En Tivo-Pazo renovarase o pavimento e protexeranse os elementos patrimoniais Fonte-lavadoiro e do Cruceiro de Tivo. No Pazo - Santa María executaranse os novos colectores, acometidas domiciliarias, ampliarase a rede de abastecemento e reporase o firme, incluíndo o reforzo dos bordos do camiño. Pola súa banda, en Santa María manteranse as mesmas características das redes, pero a reposición do pavimento limitarase ao ancho das gabias, ao estar prevista nesta zona outra actuación da Deputación para a recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-8005.
“Seguimos desta maneira, como todas as semanas, avanzando no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, afirmou o presidente provincial.
