A Deputación aproba 320.000 euros para impulsar obras e financiar actividades en Catoira, O Grove e Valga no marco do Plan +Provincia
Os 110.000 € aprobados para Catoira permitirán complementar o financiamento da recuperación do Camiño Real, proxecto incluído no Plan Extra – Provincia Extraordinaria
29/05/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno tres achegas por valor de 320.000 euros no marco do Plan +Provincia 2026-2027 para os concellos de Catoira, O Grove e Valga. O presidente sinalou que os recursos aprobados na sesión, e dos que tamén se benefician os concellos de Arbo, Gondomar e O Porriño, permitirán poñer en marcha actuacións de “mellora dos servizos públicos, de modernización dos espazos municipais, de atención ás persoas que o necesitan e de dinamización da vida sociocultural dos municipios”. O Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros.
O Grove recibirá 98.000 € para gasto corrente derivado de varias actividades. En concreto, financiaranse cos recursos da Deputación os premios de Novela Curta Manuel Lueiro Rey e de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei, as actividades de Entroido e de Nadal, e outras dúas partidas para eventos culturais e deportivos.
Valga recibirá máis de 110.000 € para o ensanche e acondicionamento da pista de acceso á Seixa, no núcleo de Parafita e parroquia de Xanza. Actuarase nun tramo duns 400 metros de lonxitude e as actuacións inclúen a limpeza do firme e das marxes, a reapertura de cunetas en todo o trazado, a ampliación da plataforma nos tres treitos en curva, o ensanche da plataforma no tramo intermedio da vía, e a extensión de firme mediante mestura bituminosa en quente en todo o trazado.
Catoira complementará o investimento para a recuperación do Camiño Real, sumando máis de 110.000 euros aos 540.000 € xa concedidos no Plan Extra – Provincia Extraordinaria e outra partida do +Provincia. O proxecto conecta o centro urbano cos enclaves turísticos de Pedras Miúdas, mellorando a accesibilidade e recuperando o espazo público para as persoas cunha plataforma única, a mellora do sistema de drenaxe, nova iluminación eficiente e mobiliario urbano. A actuación contempla a recuperación do trazado histórico do Camiño Real e a mellora das sendas naturais que conducen á lagoa e aos Muíños de Vento.
