A Deputación aproba 190.000 euros para Agolada no marco do +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

Luis López anunciou que recibe 90.000 euros para realizar melloras no polideportivo municipal e outros 100.000 para adquirir un camión de lixo

15/05/2026

A Deputación aproba 190.000 euros para Agolada no marco do +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno dúas novas achegas por un total de 190.000 euros para o Concello de Agolada enmarcadas na liña 1 do +Provincia 2026-2027 e no Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Desta maneira, contará con 90.000 euros do PEID para realizar melloras no polideportivo municipal e 100.000 do +Provincia para adquirir un camión de lixo.

En concreto, no polideportivo municipal as obras inclúen, en primeiro lugar, actuacións previas de desmonte da cuberta existente, formada por panel sándwich e policarbonato celular, así como de elementos estruturais como cabaletes, cumieiras e limas. Posteriormente, executarase unha nova cuberta mediante panel sándwich autoportante de dobre chapa e outros elementos. Finalmente, realizarase o pintado da fachada principal oeste e das laterais da zona de acceso, incluído o teito do soportal, así como o pintado dos piares metálicos da fachada principal.

No caso dos recursos da liña 1 do +Provincia, permitirán ao Concello de Agolada adquirir un camión de lixo de segunda man con destino á área de Infraestruturas e Servizos, co fin de substituír o actual, con moita antigüidade e múltiples avarías periódicas, para poder atender de forma correcta as necesidades de recollida de lixo.

Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros, sendo “o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia” e que co Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas “seguimos asentando as bases desta provincia do deporte”.

audios