Luis López confirma a aprobación de recursos por valor de preto de 1,5 millóns de euros para melloras en infraestruturas e estradas provinciais en Agolada, A Estrada e Rodeiro

O presidente detallou que estes recursos forman parte dun paquete máis amplo de axudas que aprobou a Xunta de Goberno provincial, con 2,4 millóns de euros do Plan +Provincia para nove concellos e outros 7,2 millóns para melloras en estradas provinciais de oito concellos

08/05/2026

Luis López confirma a aprobación de recursos por valor de preto de 1,5 millóns de euros para melloras en infraestruturas e estradas provinciais en Agolada, A Estrada e Rodeiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de confirmar a aprobación de recursos por valor de preto de 1,5 millóns de euros para melloras en infraestruturas e estradas provinciais en Agolada, A Estrada e Rodeiro. López detallou que estes recursos forman parte dun paquete máis amplo de axudas que aprobou a Xunta de Goberno provincial, con 2,4 millóns de euros do Plan +Provincia para nove concellos e outros 7,2 millóns para melloras en estradas provinciais doutros oito concellos.

No caso do Concello da Estrada, o goberno da Deputación aprobou recursos do +Provincia por valor de 415.000 €. Desta contía, 175.000 euros servirán para a mellora da seguridade viaria de varias rúas do casco urbano como a travesía de Fernando Conde, o camiño de Penarana a Ouzande e as rúas Antón Losada, da Cultura e Decoita, así como para vías municipais situadas nas parroquias de Arnois, Oca, Loimil, San Miguel de Santa Mariña de Barcala, San Xurxo de Vea, Santeles, Ribeira, Berres, Riobó, Orazo, Frades, Santo André e San Xiao de Vea, Baloira, Toedo, Barbude, Moreira, San Tomé e San Pedro de Ancorados, Agar, Matalobos, A Estrada, Aguións, Rubín, Curantes, Ouzande e Lagartóns.

Ademais, outros 240.000 euros do +Provincia servirán para que o Concello da Estrada afronte gastos derivados da programación cultural, deportiva e social, incluíndo actividades como Adventure Galicia, Estrada Escena, o campus deportivo de verán, a LII Festa do Salmón, as actividades deportivas das Festas de San Paio, o Latexo Fest ou, entre outras, Os Arrieiriños.

Pola súa banda, a Deputación aprobou 90.000 € tamén do Plan +Provincia para financiar a achega municipal de Agolada á humanización da Praza Alameda de Brántega, que recibira xa outros 500.000 € do Plan Extra 2025. Deste xeito, tal e como confirmou o presidente provincial, esta remodelación da vila será financiada integramente polo organismo provincial, con 600.000 €.

Case un millón de euros para melloras de estradas provinciais na Estrada e Rodeiro

Ademais dos recursos do Plan +Provincia, a Xunta de Goberno desta semana deu luz verde a recursos por valor de case un millón de euros para melloras de estradas provinciais na Estrada e Rodeiro. “Investimentos para seguir mellorando a rede viaria provincial e reforzar a seguridade para futuras eventualidades, porque os deberes feitos en maio son os que marcan a diferenza en inverno, cando chegan os temporais”, asegurou o presidente Luis López.

Deste xeito, aprobouse o proxecto de execución da obra de mellora da seguridade viaria na estrada que vai a Matalobos por valor de 432.000 €, no Concello da Estrada. Trátase dunha actuación que abrangue os tramos situados entre os puntos quilométricos 0+000 e o 2+325 e desde o 3+700 e o 5+500 da estrada provincial EP-7004 Alto da Cruz-Santeles onde se van realizar demolicións, renovar o firme, executar drenaxes e implantar nova sinalización.

No caso de Rodeiro, adxudicouse o contrato da obra de mellora da seguridade viaria nas estradas provinciais ao seu paso por Rodeiro, Río e San Martiño de Asperelo, por valor de máis de medio millón de euros. Trátase, por unha banda, dunha actuación que abrangue un treito de 1,9 quilómetros da EP-6201 Rodeiro-Vilela, entre os núcleos de Rodeiro e Santa María de Río, onde se renovará a capa de rodaxe e construirá unha senda peonil e cunetas de seguridade transitable; e, pola outra, doutro treito de 320 metros na EP-6202 Rodeiro-Oseira, en San Martiño de Asperelo, onde se renovará o firme e a rede de pluviais e executarán cunetas de seguridade, redutores de velocidade e un muro de contención.

audios