Luis López confirma a aprobación de recursos por valor de máis de 2,2 millóns de euros para melloras en infraestruturas e estradas provinciais de Meaño, Vilagarcía e Vilanova de Arousa
O presidente detallou que estes recursos forman parte dun paquete máis amplo de axudas que aprobou a Xunta de Goberno provincial, con 2,4 millóns de euros do Plan +Provincia para nove concellos e outros 7,2 millóns para melloras en estradas provinciais de oito concellos
08/05/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de confirmar a aprobación de recursos por valor de máis de 2,2 millóns de euros para melloras en infraestruturas e estradas provinciais en Meaño, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. López detallou que estes recursos forman parte dun paquete máis amplo de axudas que aprobou a Xunta de Goberno provincial, con 2,4 millóns de euros do Plan +Provincia para nove concellos e outros 7,2 millóns para melloras en estradas provinciais doutros oito concellos.
No caso do Concello de Vilagarcía de Arousa, esta semana recibe preto de 600.000 € do Plan +Provincia. En concreto, 170.000 € da liña 2 de gasto corrente para poñer en marcha programación cultural, deportiva e social como o Festival Internacional de Música ClasClas, o espectáculo de Combate Naval, programas de habilidades socioemocionais ou de fomento da igualdade e proxectos de acción social, prevención de problemáticas socioeducativas, prevención da ludopatías ou de estimulación cognitiva e psicomotriz.
Ademais, a Deputación tamén aprobou esta semana destinar 420.000 € da liña 1 de investimentos do Plan +Provincia para que Vilagarcía de Arousa poida facer fronte ao proxecto de humanización da rúa Esperanza, no Carril. Con estes recursos o organismo provincial financiará integramente a actuación, que permitirá avanzar na rexeneración do casco mariñeiro do Carril cunha plataforma única con laxas de granito e unha pequena praza e zona verde. A remodelación completarase, entre outras cuestións, coa instalación de novas luminarias, obras de mellora da recollida de pluviais e a canalización soterrada das redes.
Máis de 1,7 millóns de euros para melloras de estradas provinciais en Meaño e Vilanova de Arousa
Ademais dos recursos do Plan +Provincia, a Xunta de Goberno desta semana deu luz verde a recursos por valor de máis de 1,7 millóns de euros para melloras de estradas provinciais en Meaño e Vilanova de Arousa. “Investimentos para seguir mellorando a rede viaria provincial e reforzar a seguridade para futuras eventualidades, porque os deberes feitos en maio son os que marcan a diferenza en inverno, cando chegan os temporais”, asegurou o presidente Luis López.
Deste xeito, aprobouse o expediente para contratar a mellora da rúa Campo da Feira, na contorna da Casa Consistorial de Meaño, por valor de 454.300 €. A actuación abrangue os primeiros cen metros da EP-9303 Meaño-Dena onde se vai realizar unha replanificación profunda e conceptual en materia de mobilidade, buscando fomentar a convivencia de todos os sistemas de desprazamento e repartir o espazo público de xeito equitativo. Ao detalle, construirase unha zona de convivencia en plataforma de prioridade peonil, cunha estética coidada, mobiliario urbano e vexetación, e renovarase a rede de pluviais e as instalacións de saneamento, rego e iluminación.
Ademais, adxudicouse a obra de mellora da seguridade viaria nas estradas de Ousensa e de Baión, en Vilanova de Arousa, por preto de 1,2 millóns de euros. Os traballos comprenden un tramo situado entre os puntos quilométricos 0+000 e o 2+530 da EP-9703 Vilanova de Arousa-Ponte Arnelas, e outro que abrangue do punto quilométrico 8+800 ao 9+218 da EP-9701 Baión-András. En ámbalas dúas vías reporase o firme existente mediante fresado e a posterior extensión dunha capa de mestura bituminosa en quente. Completarase a actuación coa mellora da drenaxe superficial mediante a execución de cunetas transitable e unha nova rede de pluviais, e coa renovación da sinalización horizontal e vertical.
