A Deputación abre o prazo da nova edición de En plan ben, que ofertará 65 obradoiros sobre saúde mental e benestar emocional para centros educativos
A partir deste luns os centros que imparten ESO, Bacharelato e Formación Profesional básica en concellos de menos de 50.000 habitantes poden solicitar as formacións do programa, que este ano conta cun orzamento de 85.000 euros
24/10/2026
A Deputación de Pontevedra abre este luns 26 de outubro o prazo para solicitar os obradoiros de saúde mental e benestar emocional que se ofertarán no marco da segunda edición do programa En plan ben: Aulas saudables, do que se poderán beneficiar os centros educativos dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que imparten ESO, Bacharelato e Formación Profesional básica. O orzamento desta edición sitúase nos 85.000 euros, duplicando o que recibiu na súa primeira edición, e o prazo de solicitude rematará o 4 de decembro.
As actividades, que se desenvolverán xa no curso 2027/2028, están deseñadas para os diferentes grupos da comunidade educativa, tanto alumnado como profesorado e familias. Para o alumnado a Deputación ofertará obradoiros de 10 horas sobre autolesións, prevención de condutas de suicidio, trastornos de conduta alimentaria, acoso escolar, pornografía ou substancias abusivas, entre outras temáticas. Para o profesorado os obradoiros serán de 4 horas e buscan proporcionarlle ferramentas e coñecementos prácticos para xestionar o benestar emocional do alumnado. Finalmente, as familias contarán con obradoiros de 2 horas nos que se abordarán recursos para a prevención en materia de saúde mental no fogar.
En plan ben: Aulas saudables nace tras detectar, durante a elaboración do Plan estratéxico de xuventude da Deputación, a necesidade de promover a prevención de condutas de risco con ferramentas destinadas á mocidade. Cómpre ter en conta que diversos estudos e enquisas evidencian un crecente aumento dos problemas de saúde mental na poboación en xeral, sendo a mocidade un dos grupos aos que máis lle preocupa e afecta o seu benestar emocional.
En plan ben emprega unha perspectiva preventiva que busca evitar a estigmatización dos trastornos mentais, así como reducir a incidencia dos problemas psicolóxicos e condutas de risco entre os adolescentes. Tras desenvolver unha primeira edición centrada nos concellos de reto demográfico, a Deputación estendeu o seu alcance aos concellos de menos de 50.000 habitantes para seguir potenciando a creación dunha rede de apoio á adolescencia nunha etapa crucial para a súa madurez emocional.