A Deputación aproba o proxecto das obras que mellorarán a EP-5001 A Franqueira-Cebreiro, na Caniza, por valor de 270.000 euros
O presidente Luis López sinalou que a través deste proxecto se actuará para mellorar a seguridade viaria cun reforzo do firme, a substitución das beirarrúas e a mellora da drenaxe
30/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres de que a Xunta de Goberno da institución provincial deu luz verde ao proxecto das obras de mellora da seguridade viaria, o reforzo do firme e a execución de cunetas na EP-5001 A Franqueira-Cebreiro, na Caniza, que recibirán 270.000 euros.
As actuacións previstas consisten nun conxunto de intervencións destinadas á mellora da seguridade viaria e da funcionalidade da EP-5001. Comezarase coa roza e limpeza das cunetas, noiros e terrapléns, mediante medios manuais, a escavación de zonas en desmonte sobre rocha para conformar as cunetas e estabilizar os taludes. Tamén se acometerá a demolición e retirada dos firmes e beirarrúas existentes, para a súa substitución por novas solucións construtivas máis axeitadas. Executaranse traballos de escavación mecánica en zonas de tránsito para adecuar a plataforma da estrada aos novos anchos e mellorar as drenaxes e a seguridade nas zonas de ensanche.
Aplicarase unha capa de macadam bituminoso sobre a subbase e fresarase o firme existente naquelas zonas que o requiran para garantir a adherencia da nova capa de rodadura, de mestura bituminosa en quente. Executarase tamén unha cuneta de formigón en “V” co fin de mellorar a drenaxe lonxitudinal da plataforma e evitar a acumulación de augas sobre o firme. Por ultimo, renovaranse as marcas viarias da sinalización horizontal con solucións que garanten a visibilidade nocturna e en condicións adversas.
O presidente Luis López sinalou que esta aprobación forma parte dun paquete de “cinco cuestións relacionadas coa modernización e mellora para outras tantas estradas provinciais, que suman máis de 3 millóns de euros”, aprobadas na Xunta de Goberno desta semana. Ademais desta actuación, tamén se avanzou noutras relacionadas con estradas provinciais de Lalín, Tomiño, Gondomar, Baiona, Mos e Silleda. “Seguimos sumando recursos e aprobando investimentos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e avanzar na seguridade destas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar o noso territorio”.
