O goberno de Luis López destina en dous anos 8,2 millóns de euros ao movemento asociativo e veciñal da provincia

“Temos estreitado os lazos de colaboración como nunca antes se fixera, pasando de cero colectivos atendidos e cero euros distribuídos nos oito anos do goberno anterior, ás 800 asociacións atendidas e aos 8,2 millóns de euros distribuídos nestes dous anos de goberno de Luis López”, subliñou o deputado de Acción Comunitaria Javier Tourís

09/07/2025

O goberno de Luis López destinou nos dous primeiros anos de mandato 8,2 millóns de euros ao movemento asociativo e veciñal da provincia de Pontevedra. “Temos estreitado os lazos de colaboración como nunca antes se fixera, pasando de cero colectivos atendidos e cero euros distribuídos nos oito anos do goberno anterior, ás 800 asociacións atendidas e aos 8,2 millóns de euros distribuídos nestes dous anos de goberno de Luis López”, asegurou o deputado de Acción Comunitaria Javier Tourís.

Para o deputado “se de algo se pode sentir orgulloso este goberno provincial é de ter recuperado a cooperación co movemento veciñal e asociativo da provincia” porque resulta fundamental “escoitar o que formula a sociedade, entender as súas necesidades e atendelas con plans específicos de axudas como os que temos deseñado neste tempo e que xa están a traducirse en feitos concretos, en proxectos reais e fundamentais para o avance, cohesión e equilibrio territorial da nosa provincia”.

Ao detalle, o deputado provincial recordou que nestes dous anos o investimento ascende a 3,9 millóns de euros para mellorar locais sociais ou modernizar equipamentos a través do Plan Provincia Comunitaria e outros 3,9 millóns para mellorar os sistemas de captación e control e consumo  de auga a través de +Aqua. A estes recursos hai que engadir outros 400.000 para regularizar as traídas veciñais a través do Plan Novaqua, posto en marcha este mesmo ano.

Soamente o pasado ano, tal e como explicou Tourís, foron 170 as asociacións de 44 concellos da provincia as que se beneficiaron de 1,6 millóns de euros do Provincia Comunitaria e outras 173 comunidades de usuarios de augas de 43 concellos as que recibiron outros 1,6 millóns de euros de +Aqua. Ambos plans este ano ascenden aos 4,6 millóns de euros e a eles súmase Novaqua e unha completa liña de melloras encamiñada a facilitar a xestión, simplificar e optimizar os trámites administrativos.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 7 resultados.