Luis López anuncia o inicio da contratación das obras na estrada que conecta Peinador con Louredo por preto de 740.000 euros
A actuación centrarse nun tramo de máis de 4,4 km nos que se levarán a cabo traballos de reposición de firmes para reforzar a seguridade viaria e o servizo público
30/04/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a Xunta de Goberno acaba de aprobar o expediente de contratación das obras de reposición de firmes que acometerá a institución provincial na estrada que une Peinador con Louredo (EP-2602), en Mos, que contan cun orzamento próximo aos 740.000 euros.
En concreto, os traballos desenvolveranse nun treito de máis de 4,4 quilómetros, nos que se busca reforzar a seguridade viaria e o servizo público. Así, as obras incluirán o saneo e fresado do pavimento deteriorado, o estendido de novas capas de formigón bituminoso con betún mellorado e a mellora do sistema de drenaxe mediante a instalación de novas tubaxes, gabias e sumidoiros. O proxecto completarase coa renovación total da sinalización horizontal e vertical, así como coa instalación de novas barreiras de seguridade.
O presidente Luis López sinalou que esta aprobación forma parte dun paquete de “cinco cuestións relacionadas coa modernización e mellora para outras tantas estradas provinciais, que suman máis de 3 millóns de euros”, aprobadas na Xunta de Goberno desta semana. Ademais desta actuación, tamén se avanzou noutras relacionadas con estradas provinciais da Caniza, Lalín, Tomiño, Gondomar, Baiona e Silleda. “Seguimos sumando recursos e aprobando investimentos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e avanzar na seguridade destas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar o noso territorio”.