A Deputación mantén un encontro cos concellos para avanzar na implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e plans estratéxicos locais

O deputado provincial de Fondos Europeos, Javier Tourís, deu a benvida aos participantes desta acción enmarcada no proxecto europeo C2 Axenda 2030 local, liderado pola Deputación e coa participación da Universidade de Vigo e entidades andaluzas, estremeñas e portuguesas

07/07/2025

O deputado provincial de Fondos Europeos, Javier Tourís

A Deputación de Pontevedra organizou este luns no Edificio Administrativo da institución provincial a primeira xornada de traballo no marco co proxecto europeo C2 Axenda 2030 local, co obxectivo de impulsar a implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e plans estratéxicos locais nos concellos de menos de 10.000 habitantes da provincia de Pontevedra. O deputado provincial de Fondos Europeos, Javier Tourís, deu a benvida ao encontro enmarcado neste proxecto que está a liderar a Deputación e no que tamén participan a Universidade de Vigo, as deputacións de Cáceres e Huelva e, desde Portugal, as Comunidades Intermunicipais do Alto Minho, o Baixo Alentexo e a Beira Baixa.

O deputado Javier Tourís sinalou o éxito da convocatoria, “lanzamos unha manifestación de interese aos concellos de menos de 10.000 habitantes da provincia para que participasen e malia que só podían participar 15 concellos recibimos 24 solicitudes e fixemos un esforzo para abrilo a outros dous máis”. Tourís lembrou que este proxecto é “un exemplo do firme compromiso da Deputación co futuro dos nosos concellos”, e salientou que xa que “os Obxectivo de Desenvolvemento Sostible representan unha folla de ruta fundamental”, a Deputación quere axudar os concellos “tendéndolles a man para proporcionarlles ferramentas, coñecemento e apoio para poder implementalos, xa que leva consigo desafíos únicos e queremos que integren eficazmente estes principios nas súas políticas e plans estratéxicos locais”.

O proxecto C2 Axenda 2030 local permitirá acompañar os concellos dunha planificación estratéxica que cada vez más aparece como un requisito á hora de poder optar a convocatorias de axudas financiadas con fondos europeos, e mesmo a convocatorias estatais. No marco deste proxecto tamén se programarán outras actividades como webinarios e cursos de formación, ademais de establecer canles de comunicación direccionais para que os recursos ofrecidos pola Deputación se axusten o máis posible ás necesidades reais dos concellos participantes.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.