A Deputación programa para esta semana espectáculos teatrais e de danza no Campo Lameiro, Cerdedo Cotobade, Cuntis e Valga no marco de +Escénicas
O martes 24 de novembro “Costureiriña bonita” chegará ao Campo Lameiro; o venres será a quenda de “Alleo” en Cerdedo Cotobade e de “Novos Lobos” en Valga; e o sábado 28 “Limpa limpa” representarase en Cuntis
23/11/2026
A Deputación de Pontevedra programa novas actuacións no Campo Lameiro, Cerdedo Cotobade, Cuntis e Valga no marco do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes. En concreto, este martes 24 de novembro, ás 12:00 horas, “Costureiriña bonita” de A Cova das Letras chegará ao CEIP Pedro Antonio Cerviño do Campo Lameiro; o venres será a quenda da peza de danza “Alleo”, de Colectivo Glovo, a partir da 19:00 horas no Centro Cultural Antonio Fraguas de Cerdedo Cotobad,e e de “Novos Lobos”, unha obra de teatro de Fantoches Baj que se representará no Auditorio Municipal de Valga tamén a partir das 19:00 horas. Finalmente o sábado 28 a partir das 20:00 horas no Centro Sociocultural e Xuvenil José Raído, Patelas, en Cuntis, terá lugar “Limpa limpa” de Expresión Producións.
“Costureiriña Bonita” da Cova das Letras trátase dun espectáculo para todos os públicos que combina a maxia do xogo coa saudade dos tempos idos, un canto á muller galega modista, emigrada que procurou nas feituras un xeito de facer a vida. Na peza únense música, monicreques e lendas e, ao ritmo da máquina de coser, prepáranse os traxes que serven de inspiración para deixar voar a imaxinación.
“Alleo”, de Colectivo Glovo, é un espectáculo de danza de 15 minutos de duración, baseado na idea da atalaia. Parte do condicionamento da “privilexiada” posición da torre e de quen desempeñaba o papel na vixilancia. Pola súa banda “Novos Lobos” emprega a narración oral, dirixida ao público infantil, para abordar a igualdade de xénero e a non violencia desde a perspectiva das novas masculinidades.
Finalmente “Limpa limpa” trátase dun espectáculo de 70 minutos de duración cómico, divertido e para desfrutar en familia, que destaca polo seu dinamismo, xestualidade, creatividade e bo humor. Nel transfórmase o mundo laboral nun universo único de creatividade, xogo, comedia e diversión no que o público se integra no espectáculo.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Nesta terceira edición conta cun orzamento de 204.000 euros e cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.